Barricadas en Nova York para a entrega á Xustiza de Donald Trump

A prensa estadounidense avanza que está acusado de falsificar rexistros comerciais, mais até a lectura de cargos unha vez arrestado Trump no se saberá con certeza.
Unha muller sostén un cartaz con Donald Trump apresado. (Foto: Gina M. Randazzo)
photo_camera Unha muller sostén un cartaz con Donald Trump apresado. (Foto: Gina M. Randazzo)

Os axentes policiais de Nova York, nos Estados Unidos, están “preparados para responder” as protestas previstas para esta terza feira na cidade pola entrega do presidente entre 2017 e 2021, Donald Trump, salientou a segunda feira o Departamento de Policía municipal.

O ex mandatario foi imputado a semana pasada por varios cargos de falsificación de rexistros comerciais, adianta a prensa estadounidense, na investigación polo pago de 120.000 euros á actriz pornográfica Stormy Daniels para presuntamente comprar o seu silencio no que atinxe a unha relación entre ambos cando Trump xa estaba casado. Así e todo, os cargos penais concretos polos que se lle acusa non serán difundidos até que lle sexan lidos a Trump despois do seu arresto.

A membro republicana da Cámara de Representantes, Marjorie Taylor Greene, replicou o chamamento a protestar feito polo propio Trump, perante o que a Policía de Nova York erixiu barricadas ao longo da fin de semana na contorna da Torre Trump e do edificio do Tribunal Penal de Manhattan.

Unión republicana

Asemade, grupos de seguidores aplaudiron esta segunda feira o ex presidente cando se dirixía ao aeroporto desde a súa residencia no Estado de Florida, despois de que a imputación levara a un dividido Partido Republicano a fechar filas con Trump, algo que tamén se reflicte no aumento dos apoios na formación de cara ás primarias para escoller o candidato republicano nas presidenciais de 2024, corroborou Reuters.

Pola súa parte, Trump agradeceu o “tremendo apoio” por parte dos seus partidarios e considerou que a imputación é un “asalto contra o país” e a proba de que “estamos a vivir nun país terceiromundista”, defendendo que “os matóns da esquerda radical e os insurrectos apropiáronse del e o están a destruír”.

Aliás, tras incidir en que a acusación é un intento de inxerencia nas primarias, cuestionou o xuíz Juan Merchan, que está previsto que presida a comparecencia, por dirixir un xuízo en 2022 no que a empresa inmobiliaria do ex presidente foi condenada por fraude fiscal.

Amais deste caso, Trump é o centro de distintas investigacións que o poderían levar a enfrontar cargos máis graves que a falsificación de rexistros comerciais, como quedar con documentos confidenciais de alto secreto do ámbito nuclear ao final da súa Presidencia ou intentar impedir a proclamación de Joe Biden como presidente alegando fraude nos comicios, no que se enmarca o asalto ao Capitolio, que para o Congreso foi un "intento de golpe de Estado".

Comentarios