Estados Unidos

O Partido Republicano fecha filas arredor de Trump após a investigación por subtraer documentos da Casa Branca

O magnate e a formación conservadora preparan o terreo para a súa candidatura en 2024 cunha retórica agresiva contra o Goberno.
Mitin político de Donald Trump en Alabama, o pasado ano. (Foto: Robin Rayne / ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Mitin político de Donald Trump en Alabama, o pasado ano. (Foto: Robin Rayne / ZUMA Press Wire / dpa)

Donald Trump di estar a sufrir unha "persecución política" por parte do Goberno de Joe Biden co obxectivo, segundo o ex presidente dos EUA, de "impedir" a súa posíbel candidatura en 2024.

Axentes do FBI irromperon na tarde desta segunda feira na mansión de Trump de Mar-a-Lago, en Palm Beach (Florida), na procura de documentos que, segundo sostén a investigación aberta pola Xustiza estadounidense, tería subtraído da Casa Branca tras a súa marcha. Parte desa información sería confidencial.

O magnate non dubidou en sinalar directamente o Departamento de Xustiza por "violación de morada" e agora desde o Partido Republicano fechan filas arredor da súa persoa.

"Cando os republicanos recuperen o Congreso, realizaremos unha supervisión inmediata dese departamento, seguiremos os feitos e non deixaremos pedra sen levantar", dixo o líder da formación conservadora, Kevin McCarthy.

A retórica dos republicanos recrúa e desde a división do Poder Xudicial do partido no Congreso avivan a polémica: "Se poden facerlle iso a un ex presidente, imaxina o que poden facer contigo".

O Partido Republicano, outrora firme defensor da orde social e a lei, avoga agora por unha "reforma integral" do FBI e urxe a renuncia do fiscal xeral dos EUA, Merrick Garland, por autorizar a investigación.

Trump conta tamén co apoio dos seus seguidores máis radicais, os mesmos que en xaneiro de 2021 apoiaron o asedio e posterior asalto ao Capitolio tentando evitar a investidura de Biden, e ven tamén o sucedido como unha "persecución". Unha multitude reuniuse a carón da mansión de Mar-a-Lago para prestarlle o seu apoio.

Comentarios