Donald Trump, un suborno e unha actriz porno: por que é o primeiro ex presidente imputado con cargos penais?

Deberá comparecer ante o xuíz polo presunto suborno a Stormy Daniels co obxectivo de "silenciala".
Donald Trump e Stormy Daniels. (Fotos: Zuma Press | Wikipedia)
photo_camera Donald Trump e Stormy Daniels. (Fotos: Zuma Press | Wikipedia)

Tres anos despois de abandonar a Casa Branca, o ex presidente estadounidense Donald Trump segue a acaparar portadas na prensa de todo o mundo. Após ser investigado —rexistro incluído dunha das súas vivendas— pola subtracción de documentos oficiais, algúns deles clasificados, foi imputado formalmente esta sexta feira no marco da investigación contra el por subornar, presuntamente, a actriz porno Stephanie Clifford, coñecida como Stormy Daniels.

Trump torna, deste modo, no primeiro ex presidente da historia dos EUA en ser imputado nunha causa na que se enfronta a cargos penais. O magnate dos negocios, que actualmente reside en Florida, deberá presentarse en Nova York para ser arrestado e comparecer, por vez primeira, ante o xuíz.

Os detalles dos cargos aínda non se coñecen en profundidade, mais Trump xa recibiu a citación formal. "Por vez primeira na historia da nosa nación, un presidente foi imputado. Alédame comprobar que ninguén está por riba da lei, nin sequera un ex presidente. A acusación de hoxe [pola quinta feira, hora local] non é o final deste capítulo, senón o principio", celebrou o que fora con anterioridade o seu avogado, Michael Cohen, en declaracións recollidas pola CNN.

Donald Trump está acusado de pagar, a modo de suborno, 130.000 dólares a Stormy Daniels durante a campaña das eleccións presidenciais de 2016 co obxectivo de "acalar" a actriz porno por unha suposta relación entre eles no pasado, que a propia Daniels desvelou, cando o ex mandatario estaba casado. É por iso que buscaría o seu silencio.

O ex dirixente respondeu, como xa fixera en anteriores investigacións abertas contra el, asegurando ser vítima dunha "persecución política". "O que fixeron os demócratas é impensábel: imputar unha persoa completamente inocente nun acto de patente interferencia electoral. Nunca antes na historia do noso país sucedera algo similar", dixo.

Unha das integrantes do seu actual equipo defensor, a avogada Susan Necheles, trasladou aos medios un comunicado no que, na liña de Trump, afirma que o seu cliente "non cometeu delito ningún" e que loitará "con todas as forzas" nos tribunais.

Actualmente ten outras tres causas abertas e pendentes de resolución: unha polo seu papel no asalto ao Capitolio en xaneiro de 2021, outra polo seu intento de evitar a derrota electoral en 2020 no Estado de Georgia e unha terceira polo manexo de información clasificada após a súa marcha da Casa Branca.

Comentarios