Así era a lei do aborto da época nazi que derrogou na sexta feira Alemaña

Alemaña aboliu a pasada sexta feira unha lei herdada da época nazi sobre o aborto que criminalizaba as médicas e médicos que informaban sobre os procedementos para a interrupción voluntaria dos embarazos.

As protestas contra a decisión do alto tribunal dos EUA decorreron por todo o país (Imaxe: Europa Press).
photo_camera As protestas contra a decisión do alto tribunal dos EUA decorreron por todo o país (Imaxe: Europa Press).

Os partidos do Goberno alemán -socialdemócrata, liberal e verde-, así como o Die Linke, fixeron posíbel cos seus votos, a pasada sexta feira, a derrogación do parágrafo 219 a do Código Penal. Unha disposición mediante a cal calquera médica ou médico que publicamente “ofrecese ou anunciase” servizos de aborto podería ser condenado a penas de até dous anos de cadea ou a unha multa.

A conservadora Unión Demócrata Cristiá e Alternative für Deutschaland, de extrema dereita, votaron contra a anulación do precepto.

O ministro alemán de Xustiza, Marco Buschmann, amosouse satisfeito da fin dunha norma que prohibía difundir información as médicas e médicos sobre o aborto, cando “calquera troll ou teórico da conspiración” podía difundir mentiras sobre as interrupcións do embarazo na internet.

Para abortar en Alemaña requírese que a interrupción se realice dentro das primeiras 12 semanas de embarazo, e tras un asesoramento obrigatorio, ou nos casos de violación e tamén cando se detecte un risco para a saúde.

Unha norma nazi

O parágrafo eliminado aprobouse en maio de 1933, na Alemaña nazi de Adolf Hitler e supuña multas e cárcere para médicos e médicas mesmo se os seus sitios web indicasen procedementos utilizados para abortar.

Raramente empregada, a disposición legal foi descuberta por activistas contrarios ao aborto na segunda década do século XXI. Kristina Hänel foi unha das xinecólogas multadas. En 2017 sancionárona con 6.000 euros por infrinxir a lei ao publicar informacións sobre servizos de aborto na súa web.

En declaracións á radio pública ZDF, amosouse “aliviada” e “encantada” da abolición, “significa que alcanzamos a meta de dar ás mulleres o dereito a se informaren sobre como interromper un embarazo”.

A revogación da citada norma tivo lugar o mesmo día en que o Tribunal Superior dos EUA anulaba a protección do dereito ao aborto. Un retroceso histórico denunciado polo movemento feminista ao longo do planeta.

Comentarios