O Tribunal Superior dos EUA anula a protección do dereito ao aborto

O Tribunal Superior dos EUA anulou esta sexta feira a protección do dereito ao aborto vixente desde 1973. Trátase dunha decisión contraria ás reclamacións históricas do movemento feminista que permitirá a cada Estado sobre a continuidade ou a prohibición das interrupcións do embarazo.

Joe Biden, esta segunda feira, na Casa Branca. (Foto: Lenin Nolly / SOPA Images / ZUMA / DPA)
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA (Foto: Lenin Nolly / SOPA Images / ZUMA / DPA)

O alto tribunal dos Estados Unidos de América, onde os conservadores son maioría, decidiu esta sexta feira revogar a protección do dereito ao aborto, de maneira que cada Estado poderá decidir se mantén ou prohibe as interrupcións do embarazo.

A sentenza entende que a Constitución dos EUA “non outorga” o citado dereito e serán os representantes electos dos Estados quen dispoñan da competencia para lexislaren ao respecto.

Neste contexto prevese que case a metade dos Estados dos EUA, os gobernados polo Partido Republicano, limite ou directamente elimine o acceso ao aborto. As zonas máis costeiras e urbanas, gobernadas polo Partido Demócrata, manterían o dereito á interrupción do embarazo.

Trece dos 50 Estados dos EUA xa contaban con ‘trigger laws’, normas previstas para ilegalizar o aborto en canto o Tribunal Superior dese luz verde. Ademais, xunto con outros once Estados, restrinxiran todo o posíbel, dentro do marco legal vixente, o dereito á interrupción voluntaria do embarazo.

Missouri declarou na mañá da sexta feira a intención de pór en marcha a lei que prohibe o aborto en canto tivo coñecemento do acordado polo alto tribunal e só o permitirá en caso de emerxencia médica.

A decisión foi aprobada por seis dos nove maxistrados e filtrárase xa no mes de maio mediante un documento que indicaba que os citados xuíces apoiaban a anulación da disposición que legalizara o aborto nos EUA a partir de 1973.

Un dos xuíces do alto tribunal, Clarence Thomas, nomeado por George W, Bush, ditou un voto particular mediante o cal solicita revisar sentenzas sobre o dereito á anticoncepción e o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Comentarios