Arévalo suspende a transición en Guatemala até a fin do intento de golpe de Estado

A Fiscalía rexistrou caixas con votos emitidos nos comicios no seu terceiro rexistro da sede do Tribunal Supremo Electoral.
Bernardo Arévalo. (Foto: Fernando Chuy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Bernardo Arévalo. (Foto: Fernando Chuy / Europa Press / Contacto)

Bernardo Arévalo, presidente electo de Guatemala polo progresista Movemento Semente, trasladou na madrugada da terza á cuarta feira que o proceso para o traspaso de poderes ficará suspendido até o restabelecemento das “condicións políticas institucionais necesarias”, para o que exixiu a renuncia da fiscal xeral, Consuelo Porras, o que “permitirá garantir a orde constitucional”.

Este anuncio produciuse despois de que a Fiscalía, coa aprobación do xuíz Fredy Orellana, desenvolvera por terceira vez un rexistro na sede do Tribunal Supremo Electoral (TSE), lugar no que abriron 160 caixas con votos emitidos nos comicios e efectuaron un reconto alegando presuntas irregularidades nas votacións.

O TSE cualificou como ilegal o rexistro, mentres que a súa directora electoral, Gloria López, detallou que “a lei electoral non faculta ninguén para poder abrir as caixas electorais”, e incidiu en que “o escrutinio é exclusivo das xuntas receptoras de votos”.

Asemade, Arévalo presentou unha denuncia contra Porras por violación á Constitución, abuso de autoridade con propósito electoral ou asociación ilícita, polo que reclama que sexa suspendida a súa inmunidade, e subliñou que “os golpistas deben renunciar”, acusando Porras, o fiscal Rafael Curruchiche e Orellana de emprender “unha nova escalada no golpe de Estado en desenvolvemento”.

Ao tempo, o TSE levou o rexistro ás súas oficinas á Corte de Constitucionalidade, co fin de protexer o material electoral.
Os Estados Unidos, o principal aliado internacional de Guatemala, considera Porras, Curruchiche e Orellana actores corruptos, tras perseguir fiscais e xornalistas que intentaron investigar delitos de corrupción por parte do presidente actual, o conservador Alejandro Giammattei.

Sublevación

Malia que esta é a última das accións encabezadas por unha facción da Xustiza próxima a Giammattei para impedir a toma de posesión de Arévalo, esta operación deu comezo unha vez que se confirmou que Semente estaría na segunda volta das presidenciais, en primeira instancia para evitar que puidese participar na fase final.

Após o fracaso desta facción da Xustiza á hora de intentar evitar a participación de Semente na segunda volta, froito tamén da mobilización popular desatada contra o intento de golpe de Estado, analistas e avogados citados por medios locais e internacionais apuntan que neste momento procuran xerar o escenario para lanzar un proceso xudicial contra Arévalo ou anular as eleccións.

Comentarios