Arévalo denuncia "un golpe de Estado técnico" en Guatemala

A Xustiza de Guatemala suspendeu o Movemento Semente pouco antes de que o Tribunal Supremo Electoral ofrecese a proclamación de resultados.
Bernardo Arévalo (á esquerda) na madrugada da cuarta á quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bernardo Arévalo (á esquerda) na madrugada da cuarta á quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O candidato presidencial do Movemento Semente, Bernardo Arévalo, definiu na madrugada da cuarta á quinta feira como un “golpe de Estado técnico” o anuncio da Fiscalía de Guatemala de que o Xulgado 7 de Instancia Penal aprobou a petición do Ministerio Público para suspender a personalidade xurídica da formación progresista, que deu a sorpresa nos comicios do 25 de xuño ao obter a segunda praza para competir na segunda volta do 20 de agosto a Presidencia coa conservadora Sandra Torres.

A acusación do fiscal Rafael Curruchiche, sancionado por Washington por crear cargos falsos para perseguir xudicialmente fiscais anticorrupción co fin de  protexer o presidente Alejandro Giammattei, asevera que a forza política usou firmas falsas de militantes e cometeu delitos vinculados ao financiamento electoral.

A isto hai que engadir a exclusión de varias candidaturas antes dos comicios, incluída á da principal candidata progresista, Thelma Cabrera, e a anulación o 1 de xullo da proclamación dos resultados por unha orde da Corte de Constitucionalidade, que aceptou recursos das forzas conservadoras e de extrema dereita para lanzar unha revisión das actas electorais.

Ese proceso rematou ao ordenar esta semana a Corte Suprema ao Tribunal Supremo Electoral que fixese oficiais os resultados dos comicios, algo que este último organismo efectuou pouco despois do anuncio da Fiscalía de Guatemala, confirmando a Torres e Arévalo como candidatos na segunda volta.

Así e todo, a resolución xudicial brinda 24 horas á Xustiza electoral para obedecer a decisión contra o Movemento Semente. A quinta feira, a Fiscalía lanzou un rexistro na sede do Tribunal Supremo Electoral vinculado ao caso.

O certo é que a lei do país deixa claro que “non poderá suspenderse un partido despois da convocatoria a eleccións e até que se celebren”.

Arévalo subliñou que “os poderosos xa non queren que o pobo decida libremente o seu futuro”, tras alertar dos intentos de bloquear os comicios por parte do “pacto de corruptos”, como se denomina ao acordo entre forzas conservadoras, de extrema dereita, militares, empresarios e narcotraficantes que se fixeron coas institucións do Estado desde a expulsión en 2019 da comisión internacional que perseguía a corrupción.

Múltiples organizacións sociais pactaron un comunicado no que advirten dun “golpe electoral equivalente a un golpe de Estado”, mentres que os Estados Unidos e a Unión Europea instaron a acabar coas inxerencias ao proceso electoral.

Comentarios