Ana Miranda abandona a Delegación de Israel da Eurocámara polo seu "aval ao xenocidio en Gaza"

A eurodeputada nacionalista demanda que os diplomáticos de Israel non poidan acceder ao Parlamento Europeo.
A eurodeputada Ana Miranda, no pleno da Eurocámara. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda, no pleno da Eurocámara. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviou esta quinta feira unha carta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, para comunicar a súa renuncia a participar na Delegación de Israel da Eurocámara fundamentalmente porque esta Delegación "está avalando o xenocidio que Israel perpetra en Gaza", dixo. "Non podemos ser cómplices de Israel na súa masacre ao pobo palestino", subliña.

Miranda explica na misiva que, cando en 2022 tomou a decisión de integrar non só a Delegación de Palestina senón tamén a de Israel, fíxoo co obxectivo de contribuír, desde a súa "experiencia coa sociedade civil de Israel que se opón á ocupación", a estabelecer "vías de diálogo e paz". Porén, a eurodeputada galega sinala que "a actitude de Israel e da súa Delegación ante a UE é deplorábel".

A este respecto, denuncia que a Delegación de Israel convida persoas expertas, militares e parlamentarios como o presidente da Delegación da Knesset —a Cámara de Israel— de Relacións coa Unión Europea, Ariel Kallner, "que avala coa súa linguaxe o xenocidio contra o pobo palestino", e, así, "deshonra coa súa presenza no Parlamento Europeo os principios democráticos e de paz que deberían rexer na Eurocámara". En consecuencia, a eurodeputada do Bloque traslada á presidenta do hemiciclo a súa petición oficial de que os diplomáticos de Israel non poidan acceder ao Parlamento Europeo, "cuestión que pode decidir a Conferencia de Presidentes", sinala.

"Dobre vara" de medir

Critica, ademais, a "dobre vara de medir" por parte da Eurocámara, xa que ao seu xuízo unha institución democrática como o Parlamento Europeo "non pode seguir permitindo a entrada a representantes dun Estado que practica o apartheid, que viola os dereitos humanos e incumpre as medidas provisionais ditadas pola Corte Penal Internacional" para o alto ao fogo e a entrada de axuda humanitaria. "Non pode existir unha dobre vara de medir, para uns países e non para outros, que limitou o acceso a diplomáticos estranxeiros por diversos feitos", incide.

Por outro lado, sinala que como integrante da Delegación de Israel no Parlamento Europeo non tivo o amparo suficiente do seu presidente tanto na prohibición de entrada a Israel e o acceso a Palestina —en febreiro de 2023, cando formaba parte dunha delegación oficial da Eurocámara— como cando foi insultada en redes sociais por parte dalgún dos seus diplomáticos, como Ehab Hino, xefe de relacións co Parlamento Europeo da Delegación de Israel en Bruxelas.

"Denunciei esta cuestión no plenario diante do presidente da Delegación de Israel, Antonio López Isturiz", apunta. Tamén cuestiona a última intervención no pleno de López Istúriz no debate sobre a falta de axuda humanitaria en Gaza, que cualificou de "debate electoralista". "Non é ético utilizar esas palabras cando hai máis de 36.000 persoas asasinadas por Israel", manifesta.

Comentarios