A eurodeputada Ana Miranda, retida e deportada de novo por Israel: "Seguirei defendendo Palestina, non teño medo"

As autoridades israelíes volveron impedir esta madrugada a entrada de Miranda en Tel Aviv para pór rumbo a Palestina nunha misión diplomática do Parlamento Europeo: "Con total impunidade, expúlsanme por defender os dereitos do pobo palestino, quero denuncialo publicamente", sinala.
Ana Miranda, na madrugada desta terza feira, no aeroporto de Tel Aviv. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda, na madrugada desta terza feira, no aeroporto de Tel Aviv. (Foto: Nós Diario)

Unha delegación do Parlamento Europeo dirixíase esta terza feira a Palestina coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, entre a pasaxe case oito anos despois de ser deportada polas autoridades de Israel cando viaxaba rumbo a Gaza, en 2015, para ofrecer axuda humanitaria da man do buque Marianne, da III Flotilla Liberdade.

Aquel suceso foi agora o pretexto dunha nova retención e expulsión de Miranda, a pesar de que nesta ocasión viaxaba como representante das institucións comunitarias, nomeadamente a Eurocámara, e contaba cunha autorización expresa tanto da UE como do propio Ministerio de Exteriores israelí.

"Son as 4.30h [3.30h na Galiza] e Israel non me deixou entrar despois de máis de seis horas agardando por unha decisión", informou a parlamentaria nas súas redes sociais, instantes despois de coñecer unha decisión que o Estado de Israel adoptou "malia a presión diplomática da UE, da súa delegación en Xerusalén e do gabinete de Presidencia". "Despois de varias chamadas, non houbo maneira", lamenta.

Ana Miranda denuncia publicamente que, "con total impunidade", Israel decide máis unha vez un membro do Parlamento Europeo. "Expúlsanme por vir a Palestina e defender os dereitos do pobo palestino. Mais non lles teño medo e non pararei de facelo", advirte.

No marco desta visita institucional programáranse diferentes reunións diplomáticas en relación ás políticas de reasentamento e demolicións que está a executar o Goberno israelí e que foron denunciadas en distintas resolucións do Parlamento Europeo e da ONU. Ao longo deste roteiro, Ana Miranda tiña previsto visitar Xerusalén, Ramalah, Nablus e Gaza.

Os encontros abarcarían eidos políticos e sociais, como as ONG que traballan na defensa dos dereitos humanos ou os partidos políticos palestinos, así como o ministro de Exteriores de Palestina, Riyad al-Maliki. Os sindicatos de xornalistas ou a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), que traballa no campo de refuxiados de Nablus, recibirían tamén a Miranda.

A delegación está encabezada pola eurodeputada dos Verdes-ALE Margrette Auken e conformada por catro grupos parlamentarios representados en Estrasburgo e Bruxelas.

Comentarios