O BNG advirte do bloqueo de axuda en Rafah

A intervención de Ana Miranda esperta as críticas de PP e Vox
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu esta terza feira na sesión plenaria do Parlamento europeo a necesidade de aumentar a presión internacional sobre Israel para "frear o xenocidio en Gaza e conseguir canto antes un cese o fogo". "Non son necesarias máis palabras, senón accións: cese o fogo inmediato e que se protexa as vidas, porque se non os matan as bombas, mátanos de fame e sede", denunciou Miranda. 

Neste sentido, a eurodeputada do BNG fixo referencia á viaxe que realizou a pasada fin de semana a Rafah –o paso fronteirizo entre Exipto e a Faixa de Gaza–, e onde, entre ambulancias e tanques, puido comprobar o bloqueo humanitario que está a sufrir Gaza, con "máis de 2.000 camións que esperan para entrar con axuda humanitaria, mentres unha de cada seis crianzas sofre desnutrición", afirmou.

"É inmoral que morran bebés por falta de leite mentres hai camións bloqueados", manifestou, á vez que amosaba unha imaxe dos camións bloqueados, o que provocou unha chamada de atención por parte da presidenta da Cámara, Dita Charanzová.

"Todos os interlocutores cos que falamos, exipcios, europeos, palestinos e internacionais din o mesmo: hai risco inminente de colapso", alertou. 

"Impunidade" de Israel

Ana Miranda puxo de manifesto que "hai que rematar con décadas de impunidade de Israel", por iso pediu "pasar ás sancións inmediatas, o embargo de armamento e a suspensión inmediata do acordo UE-Israel". Hai un mes, lembrou Miranda, a Corte Internacional de Xustiza (CIX) ordenou a Israel proporcionar "medidas inmediatas e efectivas" para protexer a poboación palestina na Faixa de Gaza asegurando suficiente asistencia humanitaria e permitindo servizos básicos, "e o Estado de Israel incumpriu". 

Mostra da impunidade do Estado israelí son, dixo, as "acusacións sen probas contra Unrwa [axencia da ONU]", algo que cualificou como "unha estratexia das que desenvolve Israel contra Palestina".

A intervención de Miranda no Parlamento europeo mostrou as divisións existentes no seo da Unión Europea respecto á resposta a dar fronte a Israel. Mostráronse especialmente críticos os eurodeputados do Partido Popular e de Vox, que riscaron a iniciativa do BNG como "electoralista".

Comentarios