O acordo con Marrocos activa as deportacións de migrantes

O acordo entre os Estados español e marroquí fai que se reactiven as deportacións de migrantes a Marrocos. Este acordo, que supón o apoio a Marrocos no referente a autonomía do Sahara Occidental, foi criticado polas forzas que fixeron posíbel a investidura de Pedro Sánchez. As tensións xeopolíticas con Alxeria poderían ser a fonte do cambio de postura do Goberno español. A Polisario ameaza con levar a Sánchez á Corte Penal Internacional.
Embarcación de migrantes rescatada en Gran Canaria en 2021. (Foto: Europa Press)
photo_camera Embarcación de migrantes rescatada en Gran Canaria en 2021. (Foto: Europa Press)

O Goberno español retomará as devolucións de migrantes a Marrocos. Así, as repatriacións, suspendidas polo país africano hai un ano, volverán reactivarse. Rabat xa aceptou que cheguen catro voos semanais con 20 migrantes a bordo en cada un.

A noticia chega após na fin de semana coñecerse o xiro de postura sobre o Sahara do presidente español, Pedro Sánchez, que agora apoia Marrocos no referente á autonomía do Sahara Occidental.

Comparecencia na Cámara

A portavoz do Executivo estatal, Isabel Rodríguez, asegurou onte que Pedro Sánchez levará a cabo unha comparecencia o vindeiro 30 de marzo no Congreso para explicar "o novo marco de relacións con Marrocos". Rodríguez, ademais, xustificou non explicar o cambio de posición do Goberno de España  en que a diplomacia require de "tempos e discreción"

PNV e PP pediron cambiar a orde do día do Pleno para que Sánchez dera explicacións ao respecto, pero o PSOE negouse e non foi posíbel. Por outra parte, os grupos parlamentarios que posibilitaron a investidura de Sánchez censuraron onte o cambio de postura do Executivo con respecto ao Sahara.

As tensións xeopolíticas con Alxeria poderían ser a fonte do cambio de postura do xefe do Goberno español. Segundo indicou na fin de semana Radio France Internationale

Alxeria rexeitou a proposta estadounidense de aumentar a subministración de gas a Europa a través do gasoduto Magreb-Europa, fechado desde decembro de 2021. Un feito ao que o Estado español podería ter respondido co acordo con bilateral con Marrocos.

O Polisario estuda denunciar a Sánchez

O avogado do Fronte Polisario, Gilles Devers, avisou de que a postura de Sánchez podería custarlle ao líder español un proceso xudicial ante a Corte Penal Internacional por ser "cómplice de crimes de guerra".

Comentarios