Gian Michele Bosco: "Para paliar o despoboamento, Lucano propuxo acoller migrantes"

Aproveitando a súa presenza na Galiza, conversamos con Gian Michele Bosco, avogado calabrés que defende catro persoas que foron condenadas, ao tempo que o antigo alcalde do municipio de Riace, Domenico Lucano, após desenvolver un modelo de integración dos migrantes coñecido a nivel internacional.
Bosco participou nunha palestra da man da A.C. Alexandre Bóveda e nunhas xornadas de Arredistas.
photo_camera Bosco participou nunha palestra da man da A.C. Alexandre Bóveda e nunhas xornadas de Arredistas. (Foto: Arxina)

—O alcalde de Riace (Italia), Domenico Lucano, foi levado a xuízo e condenado en primeira estancia pola súa política de migración. En que situación se atopa?

Foi condenado a 13 anos e dous meses en primeira instancia, máis que moitos mafiosos. Mais non só el, máis de 20 persoas foron condenadas a consecuencia do proceso que tivo lugar en Riace durante os últimos anos a penas de entre 2 e 13 anos. Eu defendo a catro desas persoas.

—Riace é coñecida internacionalmente pola súa política de integración dos migrantes. Como comezou este proceso?

Xurdiu por casualidade, pola chegada de dous barcos de persoas do Kurdistán que foron acollidas polo municipio de Riace. Nese momento, en 1998, Lucano e outra xente da zona prestáronlles asistencia con mantas, comida, roupa e déronlles acceso a un lugar provisorio onde sobrevivir. En palabras de Lucano, o comezo do proceso de acollida “foi cousa do vento”, pois foi el quen trouxo os barcos á localidade.

—E a partir de aí, como se desenvolveu o acollemento?

Riace é un municipio dividido na parte baixa e na parte alta. A segunda, que está na montaña, está moi despoboada. Para intentar paliar a carencia de persoas, Lucano propuxo ao anterior alcalde realizar programas de acollida a migrantes, e integrar tanto as persoas chegadas como outras novas. A comezos de 2000 iniciáronse os primeiros proxectos de integración e foron chegando cada vez máis persoas. En 2004, Lucano accede á Alcaldía, na que se mantivo por tres mandatos. É a partir de aí que Riace vira nun símbolo internacional ao acoller refuxiados de todo o mundo que escapaban da guerra, da persecución política e da fame. Riace, que tiña 1.500 habitantes antes do proceso, chegou a acoller 600 persoas do estranxeiro en 2015. 

Ademais, grazas a Lucano moitas persoas que emigraran de Riace volveron á súa terra, pois abriron moitos bares e restaurantes e os proxectos de integración migratoria tamén proporcionaron moitos postos de traballo. Riace, após moitos anos, volveu ter vida. Unha localidade da Calabria onde hai moita mafia chegou a ser coñecida internacionalmente por outra cuestión, por acoller xente de todo o mundo.

—Cales foron as políticas que se levaron a cabo no municipio?

Lucano apostou por unha política de integración, pois estaba en contra dun modelo simplemente asistencial. Quería que os inmigrantes tivesen plena autonomía para desenvolver as súas vidas. Así, comezou a levar a cabo diversos proxectos para crear traballo: desenvolveu unhas instalacións de triturado de oliva para a fabricación de aceite; apostou polo que chamou a “factoría didáctica”, unha nova escola onde as crianzas de todo o mundo se integraban coas calabresas; a relevancia internacional do proceso de integración tamén proporcionou a posibilidade do crecemento do sector turístico, eu mesmo coñecín xente da Galiza e de Euskadi alí hai uns catro ou cinco anos

—Por que perseguiron a iniciativa liderada polo alcalde Domenico Lucano?

Creo que á política convencional non lle gustou o modelo que implantou Lucano, o Estado aposta pola asistencia. O alcalde empregou os fondos para asistencia para realizar obras e proxectos para a creación de traballo e a integración social dos migrantes, e segundo o Estado, esa non era a finalidade dos cartos, Lucano intentou facer algo máis, e é por iso que agora está condenado a 13 anos e dous meses de cadea en primeira instancia pola Xustiza italiana.

—E cales son os cargos que lle atribuíron a estas máis de 20 persoas condenadas?

Desfalco, fraude, asociación criminal, abuso de autoridade, incitación da inmigración ilegal, entre outras causas. A Xustiza italiana está castigando a xente por destinar os fondos públicos a un modelo de integración diferente, argüíndo que non se podía dar ese destino aos fondos. Agora mesmo estamos loitando pola súa defensa en tribunais superiores.

—Cal é a situación actual no municipio de Riace?

Non está case ningunha das persoas que chegaron no proceso de integración, moi poucos permaneceron, moita xente marchou a raíz da xudicialización da cuestión, e a situación económica xeral tamén empeorou.

—Cre que a xudicialización chegou polo feito de ter grupos políticos e sociais en contra?

Si. Creo que si. Seguro que a Lega Nord e a outros grupos deste estilo non lles gustaba a experiencia de Riace, mesmo o líder da Lega, Matteo Salvini, se ten enfrontado moitas veces a Lucano, chegando a dicir del que era un cero á esquerda. Tan só é a miña teoría, mais eu penso que tampouco ao Partito Democratico (PD) lle gustaba esta experiencia. O PD é un partido que se di de centro esquerda, mais se un se para a pensar nas políticas migratorias que defenden, e máis no contexto do actual Goberno italiano de unidade nacional, dáse conta de que as medidas que defenden uns partidos e outros non difiren tanto entre elas.

A dispersión dos migrantes: 'escusa' dos países do sur

Na opinión de Gianmichelle Bosco, a demanda dos países do sur da Unión Europea sobre a necesidade de facer políticas de dispersión dos migrantes e trasladar parte destas persoas aos Estados do norte non é máis que unha "escusa" para xustificar as súas políticas migratorias. Defende que aínda que é certo que algúns lugares do litoral destes países reciben máis migrantes como primeira acollida en determinados momentos, non o é que isto supoña un problema real, posto que, segundo indica, "calquera que estude os números reais pode darse conta de que é unha mentira, xa que a maioría dos migrantes despois van vivir a lugares como Noruega, Alemaña ou Suecia". Sinala que é certo que moitas persoas chegan a Estados como o italiano, o español ou o portugués, pero "despois vanse".

Comentarios