A Xunta volve beneficiar os bingos: pagarán 40% menos de impostos en 2023

A Xunta modifica a Lei de acompañamento aos orzamentos de 2023 para beneficiar os estabelecementos de bingo no país.
Xogo de bingo. (Foto: Grupo Orenes)
photo_camera Xogo de bingo. (Foto: Grupo Orenes)

Os bingos situados na Galiza poderán pagar menos impostos en 2023 se manteñen a media de emprego, grazas a unha modificación que introduciu a Xunta da Galiza a través da Lei de acompañamento aos orzamentos para 2023.

Mediante esta modificación da norma, o Goberno galego introduce un cambio para as modalidades do xogo do bingo diferentes ao electrónico. Esta último seguirá cun tipo de gravame de 30%.

Até o de agora, as modalidades do xogo do bingo non electrónico tiñan aplicado un tipo de gravame de 50%, pero "o suxeito pasivo poderá aplicar un tipo de gravame de 30% en cada período impositivo no que se manteña o emprego con respecto ao período impositivo inmediato anterior".

O texto explica que se entenderá que o suxeito pasivo mantén o emprego cando o persoal medio relativo ao período impositivo en que se aplique o tipo "bonificado" non sexa inferior ao correspondente ao ano inmediato anterior. Nos caso nos que se dea "o incumprimento do mantemento do emprego”, isto terá como consecuencia a “perda do dereito para aplicar o tipo de gravame de 30%".

Xustificación da Xunta

Ao ser preguntado por esta medida, o Executivo galego argumentou que a pandemia de coronavirus “incidiu directamente no sector do xogo de maneira importante”, obrigando a pechar estabelecementos. En total, a Galiza posúe once bingos.

O Goberno galego xa aplicara medidas vantaxosas para os negocios de bingo en 2021, cando permitiu a reapertura total dos locais mentres seguían vixentes as restricións noutros negocios pola incidencia da Covid-19.

Comentarios