A nova lei do xogo da Xunta da Galiza renuncia a regular o negocio online

A nova lei do xogo da Galiza, que substituirá a actualmente en vigor e que data de 1985, non toca apenas o negocio 'online', a modalidade á que accede maioritariamente a poboación máis nova e vía de adicción. O propio Consello Económico e Social (CES) criticara, no seu ditame sobre o anteproxecto de lei, que non se regulase "a figura do xogo en liña".
A reunión semanal do Goberno galego, decorrida onte, aprobou o anteproxecto de lei do xogo, que agora irá ao Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A reunión semanal do Goberno galego, decorrida onte, aprobou o anteproxecto de lei do xogo, que agora irá ao Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira o proxecto de lei do xogo da Galiza, que se remitirá agora ao Parlamento para a súa tramitación. Unha lexislación que, tal e como anunciou o propio presidente galego, Alfonso Rueda, céntrase no "xogo presencial", deixando á marxe o xogo online ou en liña, alegando que  Administración galega apenas tiña competencia neste último campo.

Porén, o Consello Económico e Social (CES), no seu ditame de 2021 sobre o anteproxecto do xogo, xa criticaba esa renuncia a regular o xogo en liña. "O CES considera que este anteproxecto non está consonte coa realidade actual do xogo e que nace con importantes eivas xa que no seu conxunto estabelece unha regulación do xogo baseado case na súa totalidade en modalidades tradicionais e practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que accede maioritariamente a poboación máis nova e que é responsábel do incremento das cifras de adicción".

Proximidade da patronal

A proximidade do Partido Popular á patronal do xogo é unha crítica de vello das forzas da oposición. A Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) tense gabado do apoio do Goberno galego, por exemplo durante a pandemia da Covid, coa disposición que permitía un maior horario de apertura a casinos, bingos, salas de xogo e locais de apostas que a hostalaría.

O presidente da patronal do xogo desde 2004, Serafín Portas está casado coa deputada do PP Lupe Murillo Solis na Cámara galega desde 2016 e que fora concelleira na corporación de Pontevedra entre 2007 e 2011.

Esta nova lei de xogo substituirá a anterior, de 1985, e que durante estas décadas sufriu 25 modificacións. Tal e como explicou esta quinta feira o vicepresidente segundo do Executivo galego, Diego Calvo, a norma estabelece que se ampliará de 150 a 300 metros o radio de distancia mínima que debe haber entre os propios locais de xogos, así como entre eles e colexios, institutos e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.

Máximo de 175 locais

A nova norma permitirá a apertura de novos locais de xogo, até un máximo de 175 que pode haber na Galiza: dous casinos, 12 bingos, 118 salas de xogo e 45 tendas de apostas. Uns límites que están a piques de se cumprir, pois só fican licenzas dispoñíbeis para dous bingos, catro salóns de xogo e tres tendas de apostas.

En todo caso, a duración fixada para todas as autorizacións será de 15 anos. Para aqueles locais que teñan licenzas de maior duración, tamén se estabelece este período de 15 anos desde que entre en vigor a lei.
Calvo destacou que a norma nace froito do "dialogo con todos os sectores implicados". O texto recolle que a Xunta desenvolverá actividades de prevención contra a ludopatía, así como un catálogo de sancións que poden ir desde os 100 aos 100.000 euros, cun límite máximo de 600.000 euros.
A lei estabelece tamén a prohibición da publicidade desta actividade nos medios públicos galegos e a obrigatoriedade de controlar o acceso de menores a estas instalacións e fixa en 12.000 o máximo de máquinas comecartos que pode haber na Galiza e en 3.600 as de apostas. Os estabelecementos hostaleiros poderán ter un máximo de dúas máquinas de xogo.

Nada dixo do xogo 'on-line', unha modalidade que, segundo os expertos, duplicou as persoas adictas en dous anos.  Entre 5.000 e 7.000 mozos e mozas de entre 15 e 17 anos participan en xogos de azar por internet, segundo grupos de autoaxuda ante a ludopatía.

Outro debate

A aprobación desta lei por parte do Executivo prodúcese días antes de que o Parlamento, na sesión plenaria a vindeira semana, debata a toma en consideración dunha nova lei de xogo proposta polo PSdeG ante a "incapacidade" da Xunta para actualizar a normativa.

Comentarios