A CRÓNICA | O día no que Pedro Sánchez decidiu continuar como presidente do Goberno español

Galiza non terá que votar nos próximos meses para escoller unhas novas Cortes que elixan un novo presidente do Goberno do Estado. Após cinco días de reflexión, Pedro Sánchez manifestou onte a súa decisión de continuar á fronte do Executivo español nun escenario marcado pola confrontación.

EuropaPress_5926349_presidente_gobierno_pedro_sanchez_comparece_complejo_moncloa_29_abril_2024
photo_camera Pedro Sánchez, onte, durante a súa intervención na entrada da Moncloa. (Foto: Europa Press).

Pedro Sánchez continuará á fronte do Goberno do Estado. Así, o desvelou onte, no marco dunha anunciada comparecencia pública desenvolvida no Palacio da Moncloa, onde afirmou: "Asumo a decisión de continuar, con máis forza se cabe. Isto non vai do destino dun dirixente particular. Trátase de decidir que tipo de sociedade queremos ser. O noso país necesita esta reflexión. Levamos demasiado tempo deixando que o lodo contamine a nosa vida pública, contaminada de prácticas tóxicas inimaxinábeis hai apenas uns anos".

Sánchez ligou a súa decisión final ao apoio recibido desde que fixo pública, a pasada cuarta feira, a apertura dun período de reflexión. Nesta liña, agradeceu "as mostras de solidariedade recibidas de todos os ámbitos". "Grazas a esta mobilización, decidín seguir á fronte da Presidencia", acrecentou. Neste punto, reclamou á sociedade española que "volvamos ser exemplo". "Os males que nos afectan forman parte dun movemento mundial. Mostremos ao mundo como se defende a democracia", salientou o xefe do Executivo, quen recoñeceu que actuou "desde unha convicción clara".

"Ou dicimos basta ou esta degradación da vida pública determinará o noso futuro condenándonos como país. É certo que dei este paso por motivos persoais, pero son motivos que todo o mundo pode entender e sentir como propios, porque responden a valores troncais dunha sociedade solidaria e familiar como é a española. Porque isto non é unha cuestión ideolóxica. Estamos a falar de respecto, de dignidade, de principios que van moito máis alá das opinións políticas e que nos definen como sociedade", puxo de manifesto.

Sánchez explicou que o día 24 escribiu unha carta dirixida á cidadanía na que expuña se merecía a pena continuar. "Teño a resposta clara. Se permitimos ataques a persoas inocentes, entón non merece a pena. Se permitimos que as mentiras substitúan o debate, entón non merece a pena. Necesitaba tempo para reflexionar. A carta puido desconcertar porque non obedece a un cálculo político. Recoñecín antes que buscaban crebarme, que doe vivir estas situacións. Actuei desde unha convicción clara. Isto non é unha cuestión ideolóxica", expuxo.

Marco internacional

O dirixente socialista contextualizou a situación política do Estado español no marco dunha tendencia a nivel internacional, de maneira que insistiu en que “os males que nos afectan non son nin moito menos exclusivos de España. Forman parte dun movemento reaccionario mundial que aspira a impor a súa axenda regresiva mediante a difamación e a falsidade, o odio e a apelación a medos e ameazas que non se corresponden nin coa ciencia nin coa racionalidade. Mostremos ao mundo como se defende a democracia. Poñamos fin a este lodo".

Sánchez recoñeceu que coa súa decisión “esta campaña de descrédito non parará”, porén, non avanzou propostas concretas para reverter o panorama político. Así, non despexou a posibilidade de someterse a unha moción de confianza, como lle recomendaron unha parte dos parceiros de investidura nos días pasados e tampouco deu pistas sobre posíbeis cambios na composición do Executivo para gañar impulso político, na liña do adiantado nas últimas horas por sectores da dirección socialista.

Reaccións

A profesora de Economía da Universidade da Santiago de Compostela e analista política María Bastida sinala a Nós Diario que "Sánchez non fixo unha chamada á reflexión, senón unha chamada á mobilización dunha parte dos españois". "Quedei preocupada porque a súa intervención semellou unha chamada á cabalería para apoiar as súas decisións contra os medios de comunicación e os xuíces", afirma. Nesta liña, entende que “na base da súa decisión está unha campaña contra os medios de comunicación críticos, aqueles que non lle gustan e que cualifica como reaccionarios”.

O xornalista e consultor político Luis Paz considera, en declaracións a Nós Diario, que “é difícil de entender a decisión, que trata de aplicar receitas de fóra a un país e un sistema non presidencialista". Ao seu ver, a "manobra" foi "moi presidencialista nun país cun sistema autonómico tan consolidado que as grandes cuestións que afectan a Madrid quedan moi lonxe na Galiza ou a outras comunidades”.

O politólogo e profesor de Ciencia Política da USC Antón Losada valora, en conversa con Nós Diario, a decisión de Sánchez como “un éxito”, co que “conseguiu rehumanizarse, pór en liña detrás del todo partido e desmontar o argumento de que fai todo para manterse de presidente do Goberno". A ollos de Losada, Sánchez “acaba de recuperar a iniciativa e o control da axenda, estase falando do que el quere e mete no debate con moita forza a rexeneración democrática”.

As derivadas políticas da decisión de Pedro Sánchez

Pedro Sánchez segue á fronte do Goberno español, mais están por ver as consecuencias prácticas da súa decisión, que  rexistra derivadas na orde orgánica da súa formación, no espazo político que sustenta o seu Goberno, no escenario estatal e na esfera internacional. Mentres a totalidade dos analistas coinciden en sinalar que a súa figura sae reforzada dentro do PSOE e que o partido aparece ante a sociedade máis mobilizado, non semella tan claro o impacto do seu movemento a nivel internacional. A este respecto, a prensa europea e a estadounidense ligaron a decisión do mandatario español á investigación por supostas prácticas corruptas da súa dona, Begoña Gómez.

O xefe de Executivo estatal anunciou a apertura dun proceso de reflexión sobre a súa continuidade como consecuencia do clima político de confrontación existente no Estado español, pero todo apunta que a bipolarización vai permanecer nos próximos meses, marcados por un novo ciclo electoral que arranca en Catalunya cos comicios do 12 de maio e por unha parte dos poderes estatais instalados na insubmisión contra os acordos do poder lexislativo. Neste contexto, unha das interrogantes é a resposta de Sánchez ás denuncias de lawfare recollidas na súa carta do pasado día 24.

Comentarios