A Xunta aposta agora pola térmica das Pontes e deixa a planta de Ence no ar

Onte, no mesmo día no que decorreu unha reunión entre o Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) do Estado español e a enerxética Endesa sobre o futuro da central térmica das Pontes, da que o Miteco evitou dar declaracións, o xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, dixo non no Congreso á enerxía nuclear e ás centrais térmicas. Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, apostou onte pola continuidade da central das Pontes, unha posibilidade que deixaría no aire varios proxectos industriais anunciados polo propio conselleiro, como a fábrica de papel tisú que ten proxectada a empresa Ence.
A incerteza pende sobre a continuidade da central térmica das Pontes, propiedade da empresa enerxética Endesa. (Foto: Europa Press)
photo_camera A incerteza pende sobre a continuidade da central térmica das Pontes, propiedade da empresa enerxética Endesa. (Foto: Europa Press)

A incerteza pende sobre a central enerxética das Pontes. Por unha parte, o feito de que tivera transcendido o desenvolvemento dunha reunión entre o Miteco e Endesa, propietaria da planta, fixo albiscar a posibilidade de que se apostase pola continuidade da central térmica no futuro próximo.

Porén, esa posibilidade é contraditoria coas palabras pronunciadas polo xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, no transcurso do pleno do Congreso, no que reiterou o seu rexeitamento á enerxía nuclear e ás centrais térmicas, como a das Pontes, para lograr un futuro plenamente descarbonizado, considerando que o Estado español ten na transición ecolóxica a "maior oportunidade" para converterse nun exportador de enerxía verde. "Non nuclear e non centrais térmicas", defendeu o xefe do Executivo español na súa intervención de onte na Cámara Baixa.

Nós Diario puido corroborar co Miteco a veracidade da información de que esta terza feira tivo lugar unha reunión entre este Ministerio e a enerxética Endesa. Con todo, as fontes do Miteco afirmaron que se trataba dunha reunión "técnica" e "non pública", razón pola que non quixeron facer declaracións "polo de agora" sobre os contidos deste diálogo nin sobre unha posíbel continuidade da produción enerxética na central do municipio galego das Pontes.

En declaracións a Nós Diario, Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG, asegurou que desde a central sindical "non teñen constancia de que houbese reunión" e que esta situación xera "unha fase de confusión". "En calquera caso non sabemos as conclusións desa xuntanza", mentres que, indicou, moitos proxectos industriais nas Pontes "dependen do feche da térmica".

A confusión "é culpa do Miteco", afirmou o representante da CIG, "que non acaba de definir que é o que quere facer". No caso de que este Ministerio decidise pospór o feche da central das Pontes, para Branco, o "fundamental" é que o Ministerio detalle cantos "grupos de traballo, en que situación, como se retribúen, que stock de carbón ten que ter" e "que pasa cos proxectos de futuro que estaban anunciados sempre e cando a térmica fechase".

O novo proxecto de Ence nas Pontes, "en risco"

Ao respecto, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, sinalou que desde o principio "advertiron do risco que supuña que a Galiza dependese dunha soa enerxía no seu mix enerxético", defendendo a súa posición contra o feche da central das Pontes.

"Nestes momentos estamos nunha situación de incerteza", continuou Conde, para despois solicitar ao Executivo español "trasladar a información con transparencia, certeza e seguridade xurídica". "Levamos estes últimos anos traballando na identificación de novos proxectos industriais e esta situación non debería pór en risco eses proxectos", afirmou Conde en referencia á posíbel interferencia da continuidade da central enerxética das Pontes sobre o desenvolvemento de proxectos como a factoría de papel tisú que Ence ten planeado desenvolver nos terreos da térmica.

A Xunta aposta pola continuidade da central

Sobre a posibilidade de reapertura da central das Pontes, Conde dixo que entendería "perfectamente" que o Executivo español "se una dunha vez por todas á política enerxética que se está impulsando desde a Comisión Europea", apostando "por manter activas todas as capacidades de xeración que temos", deixando "aberta a central das Pontes" e ampliando "a vida útil das centrais nucleares" do Estado español.

Comentarios