A Xunta dará "máxima prioridade" a Ence nas Pontes

O Goberno galego dará "máxima prioridade administrativa" á planta de papel tisú que Ence dixo esta semana querer instalar nas Pontes, nos terreos da antiga central térmica de Endesa. Con todo, o seu emprazamento definitivo non está concretado. 
 
Vista da central térmica das Pontes. (Foto: Sanguer)
photo_camera Vista da central térmica de Endesa nas Pontes, en cuxos terreos prevé construír Ence unha fábrica de papel tisú (Foto: Sanguer).

A Xunta está disposta a pór todas as facilidades para que o proxecto saia adiante, até o punto de que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou esta quinta feira que dará "a máxima prioridade administrativa" e prestará "a máxima colaboración" para que estes proxecto sexa unha realidade. Xunta e Ence iniciaron esta semana unha campaña de promoción do proxecto para levantar nos terreos da antiga central térmica das Pontes ─aínda pendente da orde de feche─ unha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustíbes e fibras naturais recicladas, cun investimento de entre 330 e 350 millóns de euros. 

Dentro desa campaña, Conde participou esta quinta feira nunha rolda de prensa en Pontevedra na xunto co director territorial de Ence na Galiza, Antonio Casal, na que o primeiro que fixo foi deixar claro que se trata dun proxecto "complementario" ─non alternativo─ á planta de celulosa de Lourizán, en Pontevedra, que permitirá a Ence fechar o ciclo produtivo no país.

Na súa intervención, Conde destacou que, no relativo ao proxecto das Pontes, a Xunta leva tempo traballando coa compañía para "identificar o emprazamento idóneo", e que esta colaboración vaise manter ao longo de todo o ano que a empresa se dá de prazo "para avaliar os aspectos técnicos, ambientais e financeiros".

En xaneiro de 2027

O único que se coñece do proxecto é o trasladado polo presidente de Ence, Ignacio Colmenares, a pasada segunda feira, que indicou que a factoría ocupará "parte dos terreos nos que se desenvolve a actividade da central", e o avanzado onte polo director territorial, que confirmou que estaría operativa "en xaneiro de 2027".

Porén, segundo avanzou Nós Diario na segunda feira, estes prazos serían irrealizábeis, xa que Endesa, a titular dos terreos e a central, non contemplaría a liberalización total dos terreos nos que se asenta até 60 meses despois de realizar as tramitacións e actividades previas, un proceso que no documento remitido pola eléctrica ao Ministerio para a Transición Ecolóxica cifran en 27 meses, o que sitúa os prazos fóra dos tempos cos que traballa Ence, de aí que Xunta e empresa sigan a analizar as posíbeis alternativas.

Outro dato a ter en conta é a escaseza de solo industrial nun concello no que tamén se anunciaron outros proxectos industriais, como o da chinesa Sentury Tire, que proxecta unha factoría de pneumáticos,  ou o de Reganosa e EDP, que esta cuarta feira anunciaron o inicio da tramitación dunha planta de hidróxeno verde na zona.

Pendentes dos prazos

Pola súa parte,  e após ser preguntado por Nós Diario sobre a imposibilidade de contar cos terreos de Endesa até 2030, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello que a planta de Ence "aspira a ter financiamento europeo". "Haberá que ver cales son os prazos. A nosa intención é dar todas as facilidades posíbeis ás empresas que queiran estar aquí", apuntou. 

Comentarios