Ence non podería instalarse nos terreos da central das Pontes até cando menos 2030

O presidente da Xunta da Galiza e o vicepresidente primeiro reuníronse no día de onte coa Dirección de Ence, xuntanza da que saíu que a pasteira estuda a instalación dunha fábrica de "biomateriais" e "papel tisú" nos terreos que ocupa a central térmica das Pontes. No mellor dos casos, instalaríase en 2030.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o encontro desta segunda feira con directivos de Ence (Foto: Arxina).
photo_camera O conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o encontro desta segunda feira con directivos de Ence (Foto: Arxina).

A media tarde da segunda feira, Ence facía público parte do contido da reunión que mantivera o consello de administración da empresa co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde: a intención de instalar unha fábrica de "biomateriais" de "papel tisú" nas Pontes, comarca do Eume.

"Iniciamos oficialmente os estudos para un proxecto novidoso na Galiza. Eliximos As Pontes, onde está actualmente a térmica [Endesa] para comezar o estudo e desenvolvemento" da planta.

Segundo o presidente de Ence, Ignacio Colmenares, a fábrica destinaríase a recuperar papel e cartón que produciría fibras recuperadas, "coa posibilidade de incluír no proceso fibra virxe procedente da factoría de Pontevedra". Isto, engadiu, "acabaría en papel tisú mixto, recuperado e virxe".

Colmenares insistiu en que se trata dun proxecto "complementario" e "non alternativo" á fábrica da ría de Pontevedra, cuxa permanencia depende do que decida o Tribunal Supremo tras presentar Ence un recurso contra a decisión da Audiencia Nacional de anular a prórroga da concesión que aprobara o Goberno de Mariano Raxoi en funcións.

"Non imos fabricar celulosa nas Pontes", salientou, "senón recuperar papel e cartón e fabricar fibras recuperadas", que se mesturarían coa "celulosa virxe" procedente de Lourizán (Pontevedra). "Polo tamaño ou polo consumo de auga non se parece en nada a unha fábrica de celulosa", informou Colmenares, que avanzou un investimento inicial de perto de 355 millóns de euros e a creación "duns 1.190 postos de traballo", dos cales 150 serían directos, 400 indirectos e 636 inducidos, segundo as cifras achegadas pola empresa aos medios de comunicación.

Un proxecto que xa 'coxea' nos prazos

O único que se coñece do proxecto anunciado por Ence é o trasladado polo propio presidente da empresa, que calculou que o estudo ocupe "un mínimo de 12 meses". O obxectivo, expresou, é comezar "a construír a mediados ou finais do ano que vén". Porén, no comunicado de prensa remitido aos medios polo Gabinete de Comunicación de Ence advírtese de que o proceso "desde o seu lanzamento, incluíndo a enxeñaría e a obtención de todos os permisos, durará entre tres e cinco anos até a súa posta en marcha", algo completamente irrealizábel segundo a documentación á que tivo acceso Nós Diario.

O "Documento ambiental para o desmantelamento da unidade de produción térmica As Pontes de Endesa Xeración S.A.", de setembro de 2019, recolle un cronograma que situaría o horizonte temporal en 2030. "A planificación iniciábase no último trimestre de 2019, coa elaboración e presentación do proxecto e o documento ambiental ante o órgano consultivo, e contemplaba un período de 87 meses, dos cales 27 meses formulábanse para tramitacións e actividades previas e 60 meses para a execución efectiva do desmantelamento e demolición", recolle o dossier presentado perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao que tivo acceso este medio.

O documento xa prevía un atraso no período de tramitación de entre catro meses e un ano, "o que implica unha parada de actividades no emprazamento até a obtención de todos os permisos e licenzas requiridos para a súa execución". A día de hoxe, existe a declaración de impacto ambiental, mais o Ministerio non aprobou resolución ningunha para que se puidesen pór en marcha as obras de desmantelamento da central térmica onde prevería instalarse Ence.

O cronograma engade “aos 87 meses citados unha estimación de 24 meses para as actuacións de investigación complementaria e remediación de solos e 18 meses para o selado e clausura", co cal, o proceso de desmantelamento non acabaría até 2029, de non producirse novos atrasos.

Outro dos problemas que presentaría o proxecto de Ence é que o concello das Pontes carece de solo industrial dispoñíbel, con dotacións. Desde que Valentín González Formoso accedeu á alcaldía en 2007, non hai nin un só metro cadrado dispoñíbel de solo industrial.

A manobra para a ‘etiqueta verde’

No anuncio, Ence afanouse en transmitir o suposto carácter "bio" do proxecto, "a bioplanta complementaria converterá a zona nun enclave estratéxico para a bioeconomía na Galiza, xa que propón a transformación dunha central térmica nunha moderna instalación que será exemplo de transición xusta". "O proceso será plenamente sustentábel de principio a fin, baseado na reutilización e minimización do uso de recursos naturais", recolle o comunicado de prensa.

Non o percibe así o biólogo Pedro Alonso Iglesias quen, en declaracións a Nós Diario, explica que a porcentaxe de fibra recuperada no papel tisú é mínima, “a maior parte é celulosa pura e dura”. Ademais, salienta que a recuperación da fibra implica unha contaminación moi elevada, “os papeis hai que despintalos, cun proceso químico de descomposición de compoñentes que é moi poluínte”. O experto ve na proposta de Ence unha “manobra” coa que “autocolocarse a etiqueta verde”. O anuncio agocha, segundo Pedro Alonso, a intención da empresa de mudarse, ante a previsíbel resolución do Supremo favorábel ao Concello de Pontevedra e ás asociacións ecoloxistas, “agora poden vender a película dunha fábrica de papel tisú e mañá élles máis fácil meter unha celulosa alí”, conclúe.

Comentarios