Unións Agrarias prevé unha "ínfima colleita" do cereal polas choivas na Limia e urxe a Xunta a actuar

Ademais da pataca, UUAA considera o cereal un "piar fundamental" para a actividade agraria da comarca.
Parcelas de cultivo de cereal na Limia anegadas polas choivas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parcelas de cultivo de cereal na Limia anegadas polas choivas. (Foto: Europa Press)

Unións Agrarias prevé que as condicións climáticas de choiva provocarán unha ínfima colleita do cereal nas parcelas da comarca da Limia, ás cales non poden acceder por estaren anegadas, polo que insta a Xunta da Galiza a adoptar medidas que compensen a baixa produción prevista para este ano. Os agricultores e agricultoras solicitaron unha reunión coa Consellaría do Medio Rural para demandarlles que "palien a nefasta campaña" pola "excepcionalidade climática" deste ano e pola importancia deste tipo de cultivo na comarca.

Ademais da pataca, Unións Agrarias considera o cereal un "piar fundamental" para a actividade agraria da Limia, que conta con 10.300 hectáreas dedicadas a cereais de gran, cultivos forraxeiros e leguminosos, e a produción dun ano normal, salienta a organización, oscila entre os 3.500 e os 4.000 quilos por hectárea.

Desde UUAA solicitan a aprobación dunha liña de axudas directa "que permita compensar a caída da produción provocada pola choiva nesta campaña". E, por outra parte, urxe a actualización das pólizas de seguro de acordo ás condicións limiás, dado que "están deseñadas de acordo aos rendementos medios das zonas de secaño como Castela".

"Os agricultores galegos desisten de percorrer a uns seguros que non lles achegan garantías, pois deixan fóra a máis de 80% da súa produción", censura Unións Agrarias a través dun comunicado remitido aos medios.

"Flexibilización" dos requisitos da PAC

A organización teme, ademais das perdas económicas que suporía esta situación, as posibles repercusións á hora de optar aos eco-réximes, axudas europeas da Política Agraria Común (PAC) destinadas a aqueles agricultores e agricultoras que, de forma voluntaria, apliquen prácticas ambientais nalgunha superficie das súas parcelas.

Unións Agrarias considera que a situación climática "imposibilita" que se cumpran as porcentaxes de barbeito e cultivo que marca a PAC, polo que pide unha "flexibilización" dos requisitos.

Así, a organización agraria considera "indispensábel" que as administracións actúen con "sensibilidade" para evitar unha "dobre penalización económica": as perdas da produción e a imposibilidade de acceder ás axudas.

Comentarios