A UE asina un acordo coa Arxentina coa intención de acceder ao litio e ao cobre

O tratado de libre comercio con Mercosur centra a cimeira UE-Celac.
Fernández e Von der Leyen asinan o acordo Arxentina-UE, esta segunda feira (Foto: Esteban Collazo / Presidencia Arxentina / DPA).
photo_camera Fernández e Von der Leyen asinan o acordo Arxentina-UE, esta segunda feira. (Foto: Esteban Collazo / Presidencia Arxentina / DPA)

A Unión Europea (UE) asinou esta segunda feira memorandos de entendemento coa Arxentina, o Ecuador, Honduras e O Salvador, en busca dun diálogo "máis fluído e estruturado", en momentos en que Bruxelas busca reforzar a súa presenza en América Latina. A sinatura tivo lugar no marco do cumio entre a UE e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeño (Celac), que está a desenvolverse durante as xornadas desta segunda feira e desta terza feira.

O acordo coa Arxentina estabelece obxectivos de cooperación en materia enerxética, para que a UE (que carece de minerais estratéxicos) poida acceder ao litio e ao cobre. A cambio, Bruxelas comprométese a contribuír en proxectos de enerxías renovábeis que se desenvolvan no Estado suramericano.

Pola súa parte, os pactos asinados co Ecuador, co Salvador e con Honduras buscan estabelecer un diálogo político periódico para cooperar e intercambiar opinións en temas de interese mutuo para as partes asinantes.

Neste sentido, Bruxelas anunciou que prevé investir 45.000 millóns de euros nos Estados de América Latina e o Caribe, rexión na que a UE busca un acceso preferente aos hidrocarburos e aos minerais estratéxicos.

Respecto diso, o presidente do Estado español e actual líder de quenda do Consello Europeo, Pedro Sánchez, indicou que os investimentos terán seguimento no conclave ministerial da UE de setembro en Compostela.

Acordo UE-Mercosur

O potencial acordo comercial entre Mercosur (bloque integrado pola Arxentina, o Brasil, Paraguai e o Uruguai) e a UE figura como un dos puntos máis visíbeis do cumio. O pacto atravesa unha nova crise, tras as protestas dos presidentes Luiz Inácio Lula dá Silva (Brasil) e Alberto Fernández (Arxentina) sobre aspectos das pretensións da UE que suporían desvantaxes para o bloque suramericano.

Lula da Silva, ante as trabas que estabelecen Estados da UE como o francés, dixo esta segunda feira que un pacto "equilibrado" abrirá novos horizontes. "Queremos un acordo que preserve a capacidade das partes de responder aos desafíos presentes e futuros", aseverou o brasileiro. 

Ademais, de forma paralela á cimeira, tamén están a ter lugar palestras de debate alternativas. Neste contexto, organizacións sociais e políticas da UE compartiron foro coa Plataforma América Latina Mellor Sen TLC (Tratados de Libre Comercio). A organización lanzou esta segunfda feira un comunicado no que alerta dos "impactos negativos que afectan a millóns de seres humanos" como consecuencia dos TLC.

Comentarios