División entre os transportistas da Galiza: os da Coruña manterán o paro mentres outros cren que "perde forza"

Ao longo da xornada deste sábado están a decorrer senllas asembleas nas plataformas galegas do transporte para decidir que postura adoptar de cara a un paro que a Plataforma en Defensa do Transporte mantén a nivel estatal.
Piquetes na A-6 ao seu paso por Guitiriz o pasado 18 de marzo, no quinto día do paro no transporte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Piquetes na A-6 ao seu paso por Guitiriz o pasado 18 de marzo, no quinto día do paro no transporte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Transportistas da Coruña consultados por Europa Press anunciaron que decidiron manter o paro que arrincou o pasado 14 de marzo polo de agora, aínda que sen accións concretas previstas até a segunda feira, á espera de novos pasos que poidan dar tanto o Goberno estatal como a entidade convocante no ámbito do Estado, a Plataforma en Defensa do Transporte.

No conxunto da Galiza hai división de posturas e os socios das diferentes asociacións debaten, mentres entre algúns condutores autónomos do sector circula a idea de que o paro podería "ir perdendo forza". Este sábado na Coruña tivo lugar unha asemblea da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), na que, segundo explicou a Europa Press o seu presidente, Antonio Señarís, participaron a metade dos socios.

Dos participantes, "80%" apoiaron manter o paro e o resto retomarán o traballo "baixo a súa responsabilidade". Aínda que supeditan a súa decisión aos pasos que dea a plataforma convocante, o presidente de Ascentra trasladou que valorarían volver á estrada se as cuestións que o Goberno estatal puxo sobre a mesa son "de inmediato cumprimento".

O debate ao longo da xornada mantívose, ou se mantén, en diversas asociacións do país. Por exemplo, os membros de Apetamcor, a principal asociación que apoia o paro na Galiza, someteron a decisión ao voto dos seus socios nas distintas provincias, pero está pendente de transcender de forma oficial que farán finalmente. En Lugo, o presidente da asociación Aetram, Diego Arias, pospón calquera paso "até a segunda feira".

"Non tirar a toalla"

Entre tanto, este sábado a Plataforma en Defensa do Transporte pediu aos transportistas que están a secundar o paro que non tiren a toalla agora "baixo ningún concepto" e rexeitou as propostas que o Goberno pactou co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC).

"Non estamos a pedir esmolas, as axudas que nos queren dar non son a solución de nada", reclamou. Nun comunicado asinado polo presidente da plataforma, Manuel Hernández, ínstase os transportistas do paro a "seguir até o final". "Aguantamos o último tirón porque o temos na man", escribiu o seu presidente.

Estas palabras chegan logo de que a plataforma decidise manter o paro tras reunirse na sexta feira coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e non chegar a un acordo.

Hernández argumentou que o Goberno segue sen dar resposta ás súas reivindicacións e insistiu en que "as axudas que queren dar non solucionan nada, non estamos a loitar para que de maneira puntual nos dean un bocadillo", reivindicou.

Comentarios