Goberno español e transportistas acordan un desconto de 20 céntimos por litro de combustíbel

Así mesmo, o Executivo estatal porá en marcha axudas directas por un importe de 450 millóns de euros para empresas de transporte de mercadorías e viaxeiros en función do tipo de vehículo.
As ministras Raquel Sánchez, Nadia Calviño e María Jesús Montero, a súa chegada a un encontro co sector transportista. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)
photo_camera As ministras Raquel Sánchez, Nadia Calviño e María Jesús Montero, a súa chegada a un encontro co sector transportista. (Foto: Eduardo Parra/Europa Press)

O Goberno español acadou un acordo cos transportistas para reverter a subida "desproporcionada" dos carburantes, e anunciou un paquete con trinta medidas que suporá un "esforzo" económico de máis de 1.000 millóns de euros. Entre as medidas, haberá un desconto para o sector, de 20 céntimos por litro en combustíbel, que inclúe gasóleo, gasolina, gas e adBlue. Deles, o Estado achegará 15 céntimos e as petroleiras un mínimo de 5 céntimos por litro.

Así o trasladou a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, na mañá desta sexta feira en rolda de prensa tras a reunión que tivo lugar no día de onte na sede do Ministerio de Transportes entre o Goberno e os transportistas.

Esta medida, que estará en vigor ata o 30 de xuño, aínda que será prorrogábel "segundo a evolución dos mercados", explicou a ministra, segue o exemplo de países da contorna, como Francia, Italia e Portugal, que aplicarán a partir do vindeiro 1 de abril descontos de entre 15 céntimos e 30 céntimos de euro.

Así mesmo, o Goberno español porá en marcha axudas directas por un importe de 450 millóns de euros para empresas de transporte de mercadorías e viaxeiros en función do tipo de vehículo. En concreto, a contía será de 1.250 euros por camión, 950 por autobús, 500 euros por furgoneta e 300 euros por vehículo lixeiro, que inclúe taxi, VTC e ambulancias.

Créditos avaliados polo ICO

Por outra banda, o prazo de vencemento dos créditos avalados polo ICO ampliarase a 8-10 anos e o período de carencia dos créditos avalados polo ICO ampliarase en seis meses. Tamén se creará unha nova liña de crédito garantida polo ICO cun período de 12 meses de carencia, explicou Raquel Sánchez.

Entre outras medidas recollidas no acordo co Consello Nacional de Transportes Terrestres, a conselleira destacou que o Goberno duplicará o orzamento das axudas ao abandono da profesión de transportista, pasando de 10 a 20 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2022.

Raquel Sánchez tamén avanzou que o seu departamento traballará no texto dun proxecto de lei para aplicar "canto antes" ao sector do transporte de mercadorías os principios recollidos na lei da cadea alimentaria en relación aos custos de produción, que se presentará antes do 31 de xullo.

Retomar a actividade

Así, Raquel Sánchez fixo un chamamento a retomar a actividade e rematar co paro do transporte, convocado desde o pasado 14 de marzo, para que "se recupere a normalidade", e reclamou tamén que "sexa responsábel" e non xere "máis incerteza" na sociedade porque as demandas "se cumpriron". "Non hai motivos nin agora escusas para non retomar totalmente a actividade e, por suposto, o cesamento inmediato dos actos violentos", subliñou.

Neste contexto, sinalou que este acordo se fraguou cos "interlocutores do sector" que foron elixidos democraticamente, é un "gran acordo" e instou aos manifestantes a que o lean.

Situación excepcional

Pola súa banda, o presidente do Comité Nacional de Transporte por Estrada, Carmelo González, lembrou que a situación actual é excepcional e por iso require "medidas excepcionais", polo que valorou o acordo coa carteira que dirixe Rachel Sánchez.

Do mesmo xeito, apuntou que a axuda de 500 millóns para cubrir o custo do combustíbel foi unha "cuestión importante" a consensuar, así como a publicación da súa referencia semanal para ver a evolución do seu prezo. "Esperamos coñecer que medidas concretas se van desenvolver para dinamizar un sector esencial. 97% das mercadorías móvense por estrada", apuntou.

Comentarios