A Plataforma en Defensa do Transporte mantén o paro após reunirse coa ministra

Alegan que o Goberno segue sen dar resposta ás súas demandas.
Manifestantes do sector do transporte, esta sexta feira, en Madrid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Manifestantes do sector do transporte, esta sexta feira, en Madrid (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A Plataforma Nacional en Defensa do Transporte decidiu manter o paro de transportistas que comezou a pasada segunda feira, 14 de marzo, tras reunirse coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.

Así o anunciou en declaracións á prensa o seu presidente, Manuel Hernández, nada máis acabar unha reunión que durou arredor de dúas horas, argumentando que o Goberno segue sen dar resposta ás súas reivindicacións.

En concreto, lamentou que a ministra aínda non garanta que non se poida seguir traballando a perdas, aínda que celebrou o "trato amábel" que, na súa opinión, recibiron de Raquel Sánchez.

"Para poder retomar a actividade na segunda feira deberiamos ter xa medidas, aínda que fosen provisionais, que deran resposta á solución que temos", apuntou Hernández.

Na mañá desta sexta, perto de 4.000 transportistas, segundo cifras da delegación do Goberno en Madrid, manifestáronse xunto ao Ministerio de Transportes para reclamar ao Goberno unha reunión con Hernández, algo que finalmente ocorreu.

Pola súa parte, a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegurou esta sexta que o acordo "de enorme magnitude" alcanzado entre o Executivo e os transportistas na quinta feira "vai liquidar" os problemas que ten o sector e "demostra" que o Goberno está a traballar en favor dos sectores afectados pola crise.

En declaracións á prensa, a ministra expresou ademais "respecto e comprensión" polos traballadores que se están manifestando nas rúas porque "teñen razóns estruturais" para facelo.

"As persoas que están a mobilizar na rúa teñen razóns estruturais para defender os seus dereitos. Están a manifestarse persoas que a día de hoxe traballan a perdas. Por tanto, comprensión e respecto ás persoas que se seguen manifestando", subliñou a vicepresidenta.

Comentarios