Que modelo enerxético precisamos?

Transición enerxética galega

Manuel Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco, do colectivo Bidán, proseguen o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.

O colectivo defende un Plan galego integrado de enerxía e clima partindo da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera O colectivo defende un Plan galego integrado de enerxía e clima partindo da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (Ilustración: Álex Rozados).

A Galiza está a acadar resultados positivos, non menores, no cumprimento dos obxectivos fixados nos distintos períodos polas políticas europeas e estatais; así, no ano 2020:

  • Conséguese unha cota do 41,7% de enerxía procedente de fontes renovables no consumo final de enerxía, moi superior ao 20% fixado para España polo Plan nacional integrado de  enerxía e clima (Pniec), situándose case no 42%, obxectivo fixado para o 2030.
  • A contribución renovable á xeración eléctrica foi do 74,2%, superior ao obxectivo do Pniec para o ano 2030 (74%); no ano 2020, por primeira vez, a electricidade xerada con enerxías renovables supera a enerxía eléctrica consumida en Galiza nun 6% -no balance anual, mais con algún mes deficitario-, resultado derivado, en boa medida, do incremento da produción da grande hidráulica e da eólica, tecnoloxía que, debido á súa intermitencia, precisa da correspondente enerxía de respaldo para ser homologada como enerxía “manexable”.
  • En relación ás emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), prodúcese unha redución do 38% respecto de 1999, tamén superior ao obxectivo para este período (20%).
  • No relativo á dependencia enerxética, redúcese desde o 71,8% (2019) ao 61%, coincidente co obxectivo do Pniec para o 2030, aínda que se debe ter en conta que no 2020 o consumo de enerxía final baixou (754 ktp -quilo tonelada equivalente de petróleo- menos) pola Covid-19.
  • Noutros parámetros non se acadan os obxectivos, como na intensidade enerxética ou enerxía primaria ou final empregada por unidade de Produto Interior Bruto (PIB), indicador para a eficiencia enerxética, no que Galiza está nun 26% por encima de España en enerxía final; ou na porcentaxe de enerxía renovable empregada no transporte, fixada no 10%, mentres que Galiza non supera o 5,6% (2019).

A breve análise anterior pretende fixar o punto de partida para encarar os desafíos que Galiza debe afrontar no futuro próximo (2030), máis restritivos e, polo tanto, que demandan maiores esforzos dos xa realizados. Consideremos os dous nos que non cumprimos.

A UE establece para o 2030 o 55% de redución nas emisións de GEI, tarefa que semella complexa ao considerar que os principais emisores (centrais de carbón e de coxeración, cun 34% das emisións) xa están pechados ou en fase de peche e cunha actividade moi diminuída; quedarían o resto da industria e os sectores difusos (agricultura, transporte, residencial, ...), nos que non resulta tan doado.

Recordar que a enerxía final consumida na Galiza en 2020 foi de 5.451 ktep, das que 3.177 (58%) foron de orixe fósil; para ter unha referencia do que supón a súa substitución, indicar que os 4.026 xeradores eólicos que hai na Galiza, cunha potencia instalada de 3.412 MW (aínda non o dobre das térmicas de carbón), no 2020 xeraron 887 ktep, menos da terceira parte da de orixe fósil.

O Pniec fixa a redución do consumo enerxético nun 3% anual até 2030 e a diminución da intensidade enerxética das 95,3 tep por cada millón de euros até as 56, o que implica eficiencia enerxética e menor consumo para non ter que instalar máis potencia xeradora, ou ben destinala a actividades produtivas de gran valor engadido.

Como se vén de evidenciar -e xa estamos a comprobar-, a transición enerxética é un camiño estreito e complexo, pero Galiza pode transitalo con éxito e acadar, no 2050, unha economía competitiva e neutra en emisións, sempre que se planifique e execute en Galiza e para Galiza, coa participación de todos os sectores afectados, coordinados polo Consello Económico e Social, en colaboración co Instituto Enerxético da Galiza (Inega); previa análise da actividade socioeconómica que se entende necesaria implantar e/ou manter a medio e longo prazo (é dicir, que queremos ser e/ou seguir sendo), debería respostar, cando menos, ás seguintes cuestións:

  • Canta enerxía vai necesitar Galiza no futuro segundo distintos escenarios?
  • Que fontes de enerxía e tecnoloxías imos priorizar, atendendo aos nosos potenciais recursos?
  • Cales deben ser os sistemas de almacenamento masivo de enerxía a utilizar para facer xestionables e viables as renovables?
  • Onde se poderán instalar os distintos xeradores segundo a situación dos recursos e as tecnoloxías priorizadas, cunha definición inequívoca dos lugares?
  • Como organizar o “mercado persa” que se está a producir en canto á retribución que fan as eléctricas aos propietarios do territorio e aos Concellos, pola instalación dos xeradores, en especial no sector eólico?

O obxectivo final sería, partindo da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, concluír cun Plan galego integrado de enerxía e clima (Pgiec), do que xa dispoñen outras zonas do Estado, como Estremadura.

É o momento de abordar esta ineludible tarefa por dous motivos fulcrais, derivados da nova xeopolítica enerxética mundial: o impulso que vai ter a instalación de enerxías renovables e as obrigadas modificacións do marco legal europeo e do propio Pniec. Se non o facemos nós, farano outros, atendendo aos seus intereses, que non son nin os galegos nin os da sociedade.

Comentarios