Que modelo enerxético precisamos?

De tormentas eléctricas "perfectas" e shocks eólicos en Galicia

Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada na USC, dá comezo ao foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.
O proceso de expansión eólica non foi suficiente en capacidade, tampouco incluínte nos axentes partícipes nin respectuoso coa contorna (Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera O proceso de expansión eólica non foi suficiente en capacidade, tampouco incluínte nos axentes partícipes nin respectuoso coa contorna (Ilustración: Álex Rozados).

Parecía que estábamos a ver a luz tras a pandemia Covid-19, que os fondos Next Generation permitirían traballar por un entorno sostible, descarbonizado, e que a Axenda 2030 contribuiría a lograr unha sociedade desenvolvida e igualitaria. A realidade amosou unha vez máis as miserias da sociedade actual, minusvalorando o valor da vida e resaltando que a economía globalizada estaba fortemente vencellada ás tensións xeopolíticas e aos intereses estratéxicos.

Xunto cos incrementos dos prezos de bens básicos e servizos estruturais, que lesionan tanto a economía doméstica como a actividade empresarial, e coa ameaza da estanflación, destacan as debilidades deste modelo enerxético fósil, causante do cambio climático e de pobreza. Só era cuestión de tempo que esta tormenta perfecta (eléctrica e de combustibles) descargase e danase a eficiencia socioeconómica dos países con dependencia no subministro.

Cómpre preguntarse que factores explican esta paralizante suba dos prezos da electricidade para formular posibles solucións. De xeito xeral, o sistema de fixación de prezos e os dereitos de emisión de CO2 asumen gran parte da responsabilidade. Na produción de electricidade, o mix de tecnoloxías que participan é heteroxéneo na produción, no servizo que presta, nos custos, na dispoñibilidade e no impacto ambiental. As enerxías renovables son autóctonas, con maior respecto ambiental, localizadas onde producen, con custos que tenden a ser mínimos en canto á fixación do prezo. É moi diferente no caso do gas, importado, cun prezo fixado en mercados internacionais, moi sensibles ante calquera conflito, que operan co valor a futuro, no curto e no longo prazo.

A eliminación do gas do sistema de fixación de prezos sería unha solución inmediata, acompañada da actuación fiscal

A tecnoloxía que fixa o prezo é a última que entra no sistema, a máis cara, o gas. Todas as tecnoloxías anteriores pasan a ser remuneradas ao prezo da máis cara, en forma de "beneficios caídos do ceo" para as empresas produtoras da electricidade, que cunha posición dominante, trasládaos á factura do consumidor final. O resultado é un disparate de prezos e un mercado eléctrico ineficiente, mal chamado marxinalista. Polo tanto, a eliminación do gas do sistema de fixación de prezos sería unha solución inmediata pero non toda a solución. Outro factor é a carga fiscal asociada á electricidade, diferente por países, e tendo en España dous impostos (sobre a produción e o consumo). Partindo da complexidade propia de calquera actuación fiscal polo seu impacto no orzamento público, debería reflectirse a condición de "ben-servizo básico e estrutural" da electricidade cando se definise a tributación a aplicar.

A través dos acordos vencellados ao Acordo de Kyoto, os países acordaron uns límites ás emisións contaminantes para obter electricidade, que se xestionan a través do mercado dos dereitos. Estes dereitos son cada vez máis escasos e caros para as empresas, que os repercuten ao prezo da electricidade. Como posible solución, controlar a evolución destes valores ou apoiar unha transición enerxética real e "verde", en paralelo coa creación dun mix eléctrico mais renovable.

En Galicia, os datos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no período 2008-2020 indican que os recursos fósiles dominan a composición do sistema enerxético, cunha tendencia errática da importación de cru de petróleo e produtos derivados, carbón e gas natural, e cunha demanda notablemente descendente no período de impacto da pandemia da Covid-19. No ámbito das renovables, a enerxía eólica desenvolveuse desde 1995, chegando a ser rexión produtora líder a nivel de España e referente en Europa. Os datos do Inega indican que está empezando a repuntar desde o ano 2018, ao sufrir de forma notable o impacto da crise sistémica de 2008 e de normativas que frearon o seu desenvolvemento por múltiples factores. Pero o proceso de expansión eólica non foi suficiente en capacidade, tampouco incluínte nos axentes partícipes, estable no seu avance, nin respectuoso co entorno.

O contraste dos datos públicos amosa un "shock eólico" caracterizado por concentración de parques eólicos en zonas case saturadas e/ou en zonas protexidas de alto valor ambiental; por proxectos de repotenciamento que implican maior impacto ambiental tanto polo proceso de cambio de aeroxeradores como polo tamaño dos mesmos e que poden quedar excluídos da obriga do canon eólico (algún dos proxectos foi anulado por sentenza xudicial); por unha crecente oposición social aos novos proxectos que xeran invisibilidade dos propietarios dos terreos e non respectan o mundo rural. En definitiva, por actuacións extremadamente produtivistas que non contribúen á xeración do benestar social.

Aínda que en Galicia sabemos que "nunca choveu que non escampara", converter este modelo ineficiente nun sistema enerxético sostible e "humanista" esixirá unha profunda transformación estrutural e institucional, tamén alén das nosas fronteiras.

Comentarios