Que modelo enerxético precisamos?

Galiza, ao servizo de intereses alleos

O biólogo Ramón Varela Díaz prosegue o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.

Datos das emisións de datos e de produción e demanda enerxética na Galiza.
photo_camera Datos das emisións de datos e de produción e demanda enerxética na Galiza.

A transición enerxética, centrada na descarbonización e enerxías renovables, ten nas multinacionais os seus grandes defensores e entusiastas. Será por algo?

A respecto da descarbonización, obsérvase na Galiza unha notable redución de emisión de gases invernadoiro. Se no ano 2018, emitiamos o 8,9% do total do Estado, no 2020 era o 6,5% e baixou no 2021. A explicación ten 77que ver coas térmicas de carbón, Meirama (Cerceda) e As Pontes, ao minorar drasticamente a actividade no 2019. Meirama deixa de operar a mediados do 2020 e o Goberno central autoriza o seu peche. As Pontes espera o peche aínda no 2022, na actualidade un dos catro grupos da térmica segue activo por imperativo legal, obrigados por lei dende o 22 de novembro de 2021, cando xa estaba apagada. Estará activa até maio ou incluso pode seguir máis tempo ante o encarecemento do gas.

Meirama no 2015 emitía á atmosfera máis de 3 millóns de toneladas (t) de dióxido de carbono (CO2), no 2020 apenas pasaba de medio millón. No caso das Pontes nese ano emitía 7,5 millóns de t de CO2, no 2018 un total de 7,9 millóns e no 2020 pouco máis de 1 millón t (Cadro I). Acelerou o peche o Goberno galego? Todo o contrario, a Xunta, ignorando ou desprezando que as emisións das térmicas representaban a terceira parte do total das emisións na Galiza, criticaba e enfrontábase ao Goberno central pedindo a reactivación e continuidade e mesmo exixía a Endesa poñer en marcha ensaios con lodos mesturados con carbón, que se sabía ían fracasar.

Se a descarbonización “acelerada” non foi apoiada polo Goberno galego, pola contra, as eléctricas e multinacionais ven novos e prósperos negocios coa descarbonización e as renovables. Hoxe a descarbonización non avanza uniformemente, debe activarse nas electrointensivas e no resto da industria (Repsol...), que deben buscar autosuficiencia eléctrica ou fontes renovables alleas. A redución de emisións de gases invernadoiro necesita chegar a todos os sectores e poñer fin ao actual modelo de dispendio na construción, transporte, sanitario... e mesmo administrativo -número de concellos-. Se queremos frear o cambio climático debemos diminuír e reciclar máis os residuos e a descarbonización sempre debe ir parella coa eficiencia e co aforro enerxético.

Renovables

No 2020 a xeración de electricidade renovable foi maior que todo o consumo galego (Cadro II), só a eólica xeraba o 57,3% do consumo. Poucos países teñen esta situación. O Estado asignou a Galiza o papel de produtor e exportador de electricidade para abastecer zonas deficitarias (Madrid, País Vasco...), se antes era en base á enerxía da auga e encoros, hoxe intentan amplificar a situación co bombeo e as megabaterías eléctricas (prorrogando concesións que caducan). Na actualidade as eléctricas pretenden novos parques (275 proxectos e 7.200 MW presentados á Xunta e outro tanto no Estado), cando xa temos 4.000 MW de potencia eólica (14% da eólica do Estado), con xeración do 18,4% da produción eólica peninsular (2020), cando por poboación, territorio, nivel de vida.... corresponderíanos pouco máis do 5%.

O Estado asignou á Galiza o papel de produtor e exportador de electricidade para abastecer zonas deficitarias como Madrid e o País Vasco

O negocio eólico apura e dispérsase entre as eléctricas (Iberdrola, Naturgy, Greenalia, Endesa...), os fondos de pensións, inversores estranxeiros, e bancos (BBVA, Santander, Caixabank... á parte de estadounidenses, alemáns, italianos...) que financian renovables para obter suculentos e rápidos beneficios. Pola contra, a eólica apenas aporta aquí o 5% dos beneficios que exportan para Italia, Madrid, País Vasco... Aumentan os parques e diminúe e desmantelan as industrias asociadas (pecha Vestas, Siemens-Gamesa... ). Se a eólica non serve para crear emprego, fixar poboación no rural ou para ter tarifas especiais que abaraten a electricidade, para que serve? Serve, iso si, para provocar notables impactos (paisaxístico; sonoro; destrución de hábitats, endemismos, xacementos arqueolóxicos ...). En definitiva a eólica podería ser unha boa alternativa pero nestas condicións avasaladoras e/ou colonizadoras non se debe nin se pode admitir instalar máis parques eólicos terrestres.

Todos din que o futuro eólico está no mar, pero Galiza debe prohibir parques mariños fixos nas rías, litoral e plataforma, polo impacto tremendo que ocasionarían. Sería posible a eólica mariña flotante afastada da costa, fóra da vista, a 30-50 Km de distancia da terra e ben planificada en áreas acoutadas cun Plan de ordenación do espazo mariño, con parques compatibles cos usos -pesca, tráfico, recreo...-, e con industria asociada e permanente –naval, compoñentes...- , pode ser unha alternativa á terra sempre que deixe maiores beneficios no país.

Por último, temos posibilidades noutras enerxías como a solar térmica e fotovoltaica (temos 39,9 MW, fronte a 6.770 MW no Estado), correntes mariñas, mareas, olas, xeotérmica, biometano das Edar e residuos... e urxe diminuír o consumo de produtos petrolíferos e gas, parando a produción de bioetanol a partir de cereais importados.

Comentarios