O Supremo dá a razón a Audasa: O Estado terá que pagarlle 14 millóns de euros polas peaxes de Rande e A Barcala

Insta o Goberno a pagar a Audasa os 13,8 millóns que deixou de cobrar nas peaxes de Rande e A Barcala

A autoestrada do Atlántico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa / Europa Press) #ap9 #audasa #autoestrada #galiza #autoestradadoatlántico #infraestruturas #mantemento #concesión
photo_camera A autoestrada do Atlántico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa / Europa Press)

O Tribunal Supremo deu de novo a razón a Audasa, despois de declarar nunha sentenza previa que o Goberno español debía abonar á concesionaria Audasa os case 14 millóns que deixou de cobrar desde 2017 ao decidir o Executivo de Mariano Raxoi baixar á metade a compensación pola supresión das peaxes de Rande e A Barcala, na AP-9.

A concesionaria presentou un incidente de execución para que se fixase unha cantidade exacta e se executase a sentenza. No novo fallo do Supremo, do 14 de outubro, faise constar que non hai "ningunha dúbida" sobre a necesidade de "acoller a formulación da executante, tanto na contía reclamada como no suxeito obrigado ao pago".

A suma a abonar supera os 13,8 millóns de euros e o propio auto subliña que a Administración do Estado "vén recoñecela como a cantidade que corresponde á concesionaria executante polo período de tempo reclamado e en aplicación do réxime xurídico concesional imposto pola sentenza".

Sobre o suxeito obrigado ao pago, agrega que "a sentenza expresamente impón a condena a Administración Xeral do Estado", aínda que "sen prexuízo do dereito que poida asistila fronte á Administración da Comunidade Autónoma de Galiza como consecuencia dos efectos que poidan derivarse dos compromisos acordados no ano 2006".

A concesionaria presentou un incidente de execución para que se fixase unha cantidade exacta e se executase a sentenza

Precisa, así, que "a cuestión suscitada sobre este extremo en fase de execución é allea por completo á pretensión articulada pola parte executante e ao ámbito de execución fixado na sentenza", en relación coas alegacións efectuadas por ambas as Administracións públicas.

Con estes argumentos, a Sala acorda que o Goberno deberá abonar á excutante a suma de case 14 millóns de euros en concepto de retribución da concesión polos anos 2017 (desde o 31 de xullo), 2018 e 2019.

Comentarios