Sorpresa á hora da declaración da renda: os bono Cultura, os turísticos e comerciais computan como ganancias

Igual que acontecera o ano pasado co persoal sanitario que desfrutara en 2020 do bono turístico, este ano son moitas as persoas que están obrigadas a recoller nas súas declaracións da Renda os importes dos bonos da Xunta, Concellos e Deputacións dos que se beneficiaron en 2021.
A Xunta emitiu case 240.000 bonos para fomentar as compras no pequeno comercio (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A Xunta emitiu case 240.000 bonos para fomentar as compras no pequeno comercio (Foto: Xunta da Galiza)

O pasado 6 de abril arrincou oficialmente a campaña da Renda 2021. Desde entón, foron moitas as persoas que presentaron a declaración ou confirmaron o seu borrador a través de internet. A partir desta semana, concretamente desde a quinta feira, 5 de maio, a Axencia Tributaria habilita un novo sistema de presentación, a vía telefónica, mentres que para a atención presencial nas oficinas haberá que agardar até o día 1 de xuño.

A crise da Covid motivou situacións que até o de agora as persoas contribuíntes non contemplaban. Por exemplo, os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que obrigan en moitos dos casos a presentar a declaración a persoas que até o de agora non estaba obrigada. 

Nalgúns casos son os borradores os que desvelan información que a persoa contribuínte descoñecía. É o que está a pasar cos importes correspondentes ás axudas dos bonos turísticos e de comercio promovidos polas distintas Administracións o pasado ano co gallo de impulsar a actividade nestes sectores, moi castigados polas restricións da Covid. 

Compras, viaxes e cultura 

Ante a tardanza da Xunta en artellar medidas de contención, Concellos como os da Coruña, Vilagarcía e Cangas foron dos primeiros en habilitar este tipo de bonos para compras no comercio local xa en 2020, que mesmo estenderon até o exercicio 2021.

O Executivo galego lanzaría despois o Bono Activa Comercio, un programa que rematou o pasado 31 de outubro e que, segundo a Xunta, logrou mobilizar 27 millóns de euros, cun total de 237.398 bonos descargados. Xunto a este, o Executivo galego promoveu os bonos Cultura e os bonos turísticos, do que precisamente onte rematou o prazo para solicitar o de 2022. 

Declaración obrigatoria

A sorpresa, para moitas persoas, é que estas axudas hai que recollelas na Renda ─aparezan ou non no borrador─ como ganancia patrimonial, un feito que condiciona ás persoas con ingresos por rendemento de traballo inferiores a 22.000 euros anuais, que por esta circunstancia veranse na obriga de presentar a declaración cando até o de agora non estaban obrigadas, e tamén ás que estes importes lles supoñan un salto nos tramos impositivos.

O importe a declarar será o que o contribuínte recibise das Administracións, e debe incluírse no epígrafe 0304 da declaración, igual que o que acontece con outras axudas públicas, como as do plan Moves para a adquisición de vehículos eficientes, ou, no caso de empresas e persoas autónomas, os importes das axudas para o mantemento da súa actividade. 

Aínda que se trate de importes pequenos, a Axencia Tributaria pode declarar que persoas contribuíntes non están ao corrente das súas obrigas fiscais, o que pode condicionar outros trámites administrativos. Ademais corrixir esta omisión fóra do prazo implica unha sanción de entre 70 e 100 euros.

Comentarios