Estas son as chaves da campaña da Renda 2021

A Axencia Tributaria xa permitía estes días simular a declaración do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) de 2021 a través da súa aplicación, mais hoxe é o día no que comeza oficialmente a campaña da Renda e Patrimonio, na que algo máis de 1,3 millóns de galegos e galegas deberán render contas co fisco.
Desde hoxe pódese presentar a declaración por Internet, mentres que para facelo en oficina haberá que agardar ao 1 de xuño (Foto: Cézaro de Luca / Europa Press).
photo_camera Desde hoxe pódese presentar a declaración por Internet, mentres que para facelo en oficina haberá que agardar ao 1 de xuño (Foto: Cézaro de Luca / Europa Press).

Como adoita a ser habitual, a campaña de 2021 incorpora varias novidades, como son a suba de tipos para as rendas máis altas ou control dos investimentos en criptoactivos e, ao igual que na do ano pasado, os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e o  ingreso mínimo vital (IMV) volverán condicionar moitas das liquidacións.

Datas chave

A campaña arrinca hoxe, coa posibilidade de descargar o borrador e presentar xa a declaración a través de Internet. Con todo, hai que ter en conta que o primeiro día a páxina adoita a colapsar polo inxente número de solicitudes, e tamén, como advirte o persoal técnico de Facenda, que o borrador inclúa erros ou non recolla todas as exencións das que as persoas contribuíntes se poden beneficiar.  

O prazo para presentar as declaracións remata o 30 de xuño ─o 27 para quen teñan resultado a ingresar e o cobre por domiciliación bancaria─ e poderanse presentar tamén por teléfono a partir do día 5 de maio, mentres que para facelo de modo presencial nas oficinas da Axencia Tributaria haberá que esperar ao 1 de xuño.

Suba de tipos

A principal novidade desta campaña é que aumenta en dous puntos o tipo estatal que grava as rendas do traballo de máis de 300.000 euros, até 47%, e tres no caso das rendas de capital de máis de 200.000 euros, até 26%. Porén, esta suba só afecta 36.194 contribuíntes (0,17%), cun impacto 144 millóns, de acordo coas estimacións do Ministerio de Facenda. No do Imposto sobre o Patrimonio, pola súa parte, aumenta 1% o tipo para os patrimonios de máis de 10 millóns de euros, até 3,5%. 

Estas medidas irían na liña do que o Goberno galego pretendeu nos últimos orzamentos, os de 2022, cando anunciou que incluíra un novo tramo autonómico (o sexto) para gravar 23,5% as rendas que superasen os 100.000 euros, mais finalmente autoemendou esta cuestión no Parlamento ficando ese anuncio sen efecto.

ERTE e ingreso mínimo

Con carácter xeral, as persoas con rendementos laborais superiores a 22.000 euros teñen que presentar a declaración do IRPF, igual que as que teñan no exercicio dous ou máis pagadores e ingresen máis de 14.000 euros, sempre que o importe percibido polo segundo e restantes pagadores supere os 1.500 euros.

Este é o caso das persoas que recibiron o ingreso mínimo vital e os membros da unidade de convivencia, así como de boa parte dos traballadores  e traballadoras afectados por un ERTE o pasado ano. 

Plans de pensións

Outra das variacións respecto á Renda de 2020 son as menores desgravacións dos plans de pensións privados individuais,  que se sitúan como máximo nos 2.000 euros anuais, mentres que aumentan de 8.000 a 10.000 nos plans de empresa para potenciar as achegas empresariais e corrixir a "regresividade" destes beneficios, segundo o Goberno estatal.

Criptoactivos

Un dos aspectos sobre o que aumentará Facenda o seu control nesta campaña que hoxe comeza son os investimentos en criptomoedas, co fin de evitar a evasión e a fraude fiscal. Para iso, a Axencia Tributaria creou un apartado para identificar os saldos de moedas virtuais, que antes debían incluírse no apartado xenérico de 'Demais bens e dereitos de contido económico'.

Deducións na Galiza

As persoas contribuíntes deben revisar a declaración antes de presentala para comprobar que non esquecen nada. En moitos dos casos, como advirten os técnicos de Facenda, é habitual non incluír deducións autonómicas ás que se ten dereito. No caso da Galiza poden ser por circunstancias familiares, doazóns á ciencia, investimentos en tecnoloxía, participacións en sociedades, alugueres para mocidade ou obras de rehabilitación ou mellora enerxética, entre outras.

Comentarios