A Xunta disporá 330.000 bonos desconto para compras no comercio de proximidade

O acceso ao vale de descontos non atende factores como a renda ou o desemprego
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

Até 330.000 bonos desconto dispensará a Xunta da Galiza para fomentar o consumo no comercio de proximidade. Os vales, denominados Bono Activa Comercio, estarán dotados con 30 euros cada un e permitirán obter 20% de rebaixa en compras realizadas en comercio local. A través dunha aplicación móbil o importe do bono irase consumindo en función do valor de cada compra, até acumular 30 euros en descontos.

Así o anunciou esta quinta feira, 18 de marzo, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Consello da Xunta, detallando que a iniciativa se enmarca nas medidas de rescate ao sector pola Covid-19.

A intención é mobilizar 55 millóns de euros para dinamizar o tecido local. En cada comercio, poderase cambiar até un máximo de 5.000 euros en descontos. 

Acceso libre

Ao igual que o bono turístico que o presidente anunciou a semana pasada con descontos para a cidadanía gastar na hostalaría e estabelecementos de turismo, este bono para o comercio tampouco terá carácter social nas condicións de acceso. É dicir, non haberá ningún factor que favoreza o acceso ao bono a persoas que estean a padecer as consecuencias da crise económica, que se atopen en desemprego ou en ERTE, nin se distribuirá en función da renda. Todo o contrario, repartirase por orde de descarga da Internet, polo que calquera persoa maior de idade e que resida na Galiza, independentemente do seu poder adquisitivo, poderá conseguir o vale se o demanda con axilidade. 

A Xunta abrirá a próxima semana o prazo para a convocatoria da entidade financeira que colaborará na iniciativa. Logo, iniciarase o período para que os comercios se sumen  á campaña para, posteriormente, pór ao dispor das e dos consumidores a posibilidade de descargalos da Internet. Deste modo, o Goberno galego espera completar todo o proceso para mediados de abril.

A medida segue a estela marcada no verán por Concellos como o da Coruña, Cangas ou Vilagarcía, que mobilizaron cartos públicos para dinamizar o comercio local. O da Coruña puxera, de facto, a comezos de agosto 1.670.000 euros para achegar de forma directa ao comercio de proximidade, hostalaría e industria cultural a través de bonos desconto.

Sanidade fará seguimento á Covid persistente

Na Galiza, máis de 115.280 persoas padeceron xa a Covid-19 e até en unha de cada 10 os síntomas poderían prolongarse no tempo máis de 12 semanas, de acordo coa evidencia científica actual. Ante os casos presentes e futuros de Covid persistente, cada unha das sete áreas sanitarias será dotada dunha unidade multidisciplinar para proporcionar atención, recuperación e seguimento ás persoas que pasasen a Covid-19.

Segundo anunciou o presidente da Xunta, estas unidades empezarán a funcionar neste mesmo mes. As persoas ingresadas con Covid-19, unha vez que reciban a alta, serán chamadas no prazo de sete días para realizar unha primeira valoración clínica e concretar unha cita hospitalaria. As persoas que non foron ingresadas poderán pedir cita en Atención Primaria se padecen sintomatoloxía persistente.

Universidade privada

Núñez Feixoo tamén informou da remisión ao Parlamento galego por parte da Xunta do anteproxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, após ser autorizada polo Goberno español. Trátase da primeira universidade privada na Galiza e está impulsada por Abanca. O presidente detallou que as titulacións que se oferten serán reguladas por decreto da Xunta, "unha vez creada a universidade" .

O Executivo tamén deu luz verde ao Plan de nova arquitectura pedagóxica co que a Administración quere dar "unha orientación educativa" ás infraestruturas educativas e "uniformarlas" baixo criterios de accesibilidade -e sen barreiras-, sustentabilidade e eficiencia enerxética. 

O plan contempla 191 millóns para o seu desenvolvemento nos 1.100 centros públicos de ensino dos que é titular a Xunta e ten como un dos principais puntos abrir as instalacións á realización de actividades formativas para a poboación en xeral, fóra do horario lectivo escolar. 

Comentarios