Sogama avanza no seu plan para crear unha planta de compostaxe en Cervo

A infraestrutura, que foi adxudicada a unha unión temporal de empresas formada por Espina Obras Hidráulicas e Geoxa Xeral de Construcións, dará cobertura ao tratamento de 15 municipios da Mariña.

Representantes políticos na presentación do proxecto. (Foto: Sogama)
photo_camera Representantes políticos na presentación do proxecto. (Foto: Sogama)

As empresas Geoxa Xeral de Construcións e Espina Obras Hidráulicas formaron unha Unión Temporal de Empresas (UTE) que vén de facerse coa adxudicación para construír na Mariña unha planta dedicada á compostaxe de biorresiduos, na que Sogama vén de apostar malia as múltiples críticas recibidas polos seus malos resultados tanto na reciclaxe en xeral como en termos de compostaxe.

A planta, que foi encargada por Sogama, estará no municipio de Cervo pero dará servizo a un total de 15 concellos desde o parque industrial de Cuíña, onde terá dispoñíbel un terreo de perto de 8.000 metros cadrados.

O investimento para este espazo é de 6,4 millóns de euros, unha parte dos cales chegarán a través dos fondos Feder da Unión Europea, que neste caso pretenden ser unha compensación económica ou laboral fronte á pandemia da Covid-19.

A futura factoría ten que atender os residuos de máis de 69.000 habitantes

A factoría debería encargarse de todas as fases da compostaxe, desde o pretratamento até o almacenamento, pasando pola fermentación e maduración.

3.000 toneladas anuais

Dado que vai dar servizo a máis de 69.000 habitantes de Alfoz, Foz, Burela, O Vicedo, Barreiros, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro, Xove e o propio Cervo, garántese que terá capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica ao ano.

O compost resultante dos procesos de reciclaxe -asegura Sogama nunha nota malia os malos datos da planta en Cerceda- irá a parar á gandaría e á agricultura como fertilizante natural.

Comentarios