A Coordinadora galega por un reparto xusto fala de "entrega a empresas amigas"

Acusan a Xunta de entregar "o mando dos fondos Next Generation á grande empresa especulativa e contaminante"

A Coordinadora galega por un reparto xusto dos fondos europeos rexeita a constitución da Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza e denuncia que a Xunta non ten en conta a economía produtiva e o reforzo público para ceder o mando a empresas que consideran "especulativas e contaminantes". Os concellos, polo seu lado, aínda non teñen información e piden que un 15% das axudas cheguen directamente.
O conselleiro delegado, o presidente e o director xeral de Abanca, principal empresa na sociedade que xestionará os fondos (Abanca)
photo_camera O conselleiro delegado, o presidente e o director xeral de Abanca, principal empresa na sociedade que xestionará os fondos (Foto: Abanca)

A constitución o pasado 28 de febreiro dunha sociedade por parte da Xunta da Galiza para xestionar os fondos europeos, onde contan só coa participación de Abanca, Sogama e Reganosa, creou un gran descontento en numerosas entidades e organizacións que non entenden a implicación de determinadas empresas privadas e a non participación da economía produtiva galega.

A Coordinadora galega por un reparto xusto denuncia nun comunicado que o Goberno galego "entrega o mando da saída da crise e da xestión dos fondos Next Generation á banca e á grande empresa especulativa e contaminante". 

Co nome de Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza, a nova entidade ten previsto, segundo explicaron na súa presentación, "diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e o desenvolvemento das novas actividades empresariais" que se presenten. No seu capital figuran as achegas da Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). 

Mais para a Coordinadora esta forma xurídica debilita o poder do público e dá excesiva presenza ao sector privado, "esquecendo a representación das persoas traballadoras, das Pemes ou das entidades sociais, deixando de lado o Parlamento e os concellos galegos". 

Dominio "indecente" do sector privado

Na Coordinadora denuncian o perfil das tres empresas escollidas para captar os fondos que chegarán á Galiza. Non entenden como Abanca será "quen lidere a aposta por un cambio económico-produtivo na Galiza cando foi responsábel dunha descapitalización continua do tecido empresarial galego" como, por exemplo, coa "venda de R a Euskatel". 

De Reganosa cren que non pode pilotar "unha transición enerxética verde" cando "se dedica ao gas fósil responsábel de elevadas emisións de gases con efecto invernadoiro". 

Por último, en relación a Sogama, sinalan que emprega "un modelo de xestión de residuos centralizado" ademais de contar entre os seus máximos accionistas, cun 49%, a Naturgy, "que deixou Galiza sen o seu centro de operacións". 

Trato de favor

Isabel Vilaba, voceira da coordinadora, sinala a Nós Diario que "a arquitectura que arrodea os fondos ten unha maneira de facerse contraria aos seus obxectivos, que son sociais e ecolóxicos". Pon o foco en que "estas grandes empresas foron as que nos trouxeron aquí co seu modelo económico", polo que entende que "hai unha relación de favor con elas" por parte do Goberno galego. 

En opinión de Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), é fundamental que os fondos "sirvan para fechar os círculos produtivos deste país e non para especular". Lembra a Nós Diario que desde a súa organización xa propuxeran ideas que consideran "importantes" por seren, ademais, as "máis demandadas", como é a de "promover un gran grupo lácteo galego" e "crear sinerxías" en sectores nos que Galiza "é unha potencia". 

A Fegamp pide unha transferencia directa

"Nós pedimos unha reunión á Xunta para abordar esta cuestión, mais até o momento non se produciu", explica Alberto Varela, presidente da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp). 

Varela indica que, con "respecto á súa xestión, sabemos o que sae nos medios de comunicación".  A falta de información "afecta aos concellos", asegura a Nós Diario, e as noticias que teñen chéganlles por parte das deputacións. Coincide coa Federación española de municipios e provincias (FEMP) en que un "15% deses fondos teñen que ser transferidos directamente ás entidades locais, que somos as que facemos política de proximidade".

Comentarios