Só tres das 62 confrarías de pescadores galegas estarán dirixidas por mulleres

80% dos patróns maiores continúan á fronte das súas confrarías.
Mariscadoras desenvolvendo a súa actividade na ría de Muros e Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mariscadoras desenvolvendo a súa actividade na ría de Muros e Noia (Foto: Nós Diario).

As confrarías de pescadores de Vilaboa, Lourizán e O Grove son as únicas das 62 que hai en toda a Galiza que estarán encabezadas por mulleres durante os próximos catro anos. Esta sexta feira terá lugar a toma de posesión dos patróns e patroas maiores electos nos comicios decorridos o pasado 29 de outubro no que foi o terceiro proceso unificado.

Así, 80% -48 en total- dos líderes das confrarías revalidaron o seu cargo, mentres que 14 estréanse como patrón maior para o próximos catro anos.

Entre as 62 confrarías galegas, unicamente hai tres mulleres que exercerán como patroas maiores. Trátase de María del Carmen Cortegoso Gómez en Vilaboa, María del Carmen Vázquez Nores en Lourizán e María del Carmen Besada Meis no Grove.

Esta última é a única das tres que se estrea no posto, no que releva ao patrón maior saínte Antonio Otero. Así pois, tanto Cortegoso Gómez en Vilaboa como Vázquez Nores en Lourizán repiten nos seus cargos.

A proclamación dos 62 máximos responsábeis das confrarías galegas tivo lugar esta quinta feira. Esta sexta está previsto que tomen posesión do posto, ao que seguirá a configuración dos equipos directivos.

A continuación producirase a elección dos cadros das federacións provinciais, previo paso a completar o proceso de renovación da rede de confrarías da Galiza coa elección do presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, cargo que na actualidade desempeña o patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira.

 Pérez Sieira é un dos patróns maiores que repiten no cargo. Tamén o fai o patrón maior de Burela, Basilio Otero, quen lidera a federación de confrarías a nivel estatal.

Comentarios