2.661 persoas aspiran a integrar as direccións das 63 confrarías galegas

As eleccións ás confrarías galegas decorrerán o vindeiro 29 de outubro tras comezar antonte a campaña. Até 63 destas entidades deberán escoller as vogalías que comporán os cabidos.
Persoas do marisqueo a pé recollen bivalvo en Esteiro, na ría de Muros e Noia, nunha imaxe de arquivo (Foto: USC).
photo_camera Persoas do marisqueo a pé recollen bivalvo en Esteiro, na ría de Muros e Noia, nunha imaxe de arquivo (Foto: USC).

A campaña electoral ás vogalías das confrarías de pescadores galegas comezou este 20 de outubro e prolongarase até o 27 deste mes. O día 28 será a xornada de reflexión e no sábado 29 decorrerán as votacións.

1.670 traballadores e traballadoras e 991 empresarios e empresarias do sector do mar "aspiran a ocupar" algún destes postos. Nas confrarías nas que non se presentou ningunha candidatura, en 16 delas, calquera persoa afiliada do censo que cumpra os requisitos resulta elixíbel.

Desta forma, unha vez electas as persoas vogais da xunta xeral, tomarán posesión dos seus cargos na sesión constitutiva que debe decorrer na sede de cada confraría no prazo máximo de cinco días desde a proclamación definitiva. Así, no primeiro pleno da sesión constitutiva iniciarase o procedemento para elixir patrón maior, vicepatróns e vogais do Cabido.

As persoas que compoñan a xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta quen é patrón maior. En caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta e, de manter o empate, resolverase a favor da persoa candidata de maior antigüidade na confraría. Así, nun mesmo acto e xusto a continuación, a xunta xeral elixirá entre as persoas que a compoñen quen serán vicepatróns primeiro e segundo, e quen vogais do cabido.

Segundo o decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores da Galiza e as súas federacións, na composición da xunta xeral respectarase, sempre que sexa posíbel, a paridade entre persoas traballadoras e empresarias, así como a proporcionalidade entre sectores de produción. 

Os distintos sectores de produción dunha confraría estarán representados na xunta xeral sempre que conten cun número de membros suficiente que lles permita contar cun vogal no cabido.

A resolución pola que se convocan estas terceiras eleccións unificadas ás confrarías de pescadores galegas publicouse no Diario Oficial da Galiza (DOG) o 5 de setembro. Os comicios desenvolveranse en tres fases, primeiro eleccións nas confrarías; votacións nas federacións -A Coruña, Lugo e Pontevedra-; e a elección da Presidencia da Federación Galega.

12.734 persoas afiliadas

Na actualidade as confrarías galegas teñen 12.734 persoas afiliadas, das que 4.312 son empresarias e 8.422 traballadoras. Das 4.312 empresas, 86,69% son persoas físicas (3.738), 5,29% xurídicas e 8,02% son comunidades de bens ou cooperativas.

Por colectivos, 41,05% son de marisqueo a frote, 33,09% de artes menores, 7,24% de recursos específicos e 12,62% de outros como as bateas e os parques de cultivos. Das 3.738 empresas persoas físicas, 88,58% son homes e 11,42% son mulleres. Das 8.422 persoas traballadoras, destacan as 3.212 do marisqueo a pé (38,14%), ademais, do total, 4.851 (57,60%) son homes e 3.571 mulleres (42,20%).

Teito de cristal

Tan só cinco mulleres, dun total de 63 persoas confrarías na Galiza, ostentan o máximo cargo destas institucións, é dicir, tan só 8% son patroas maiores no canto de patróns. As confrarías contan cun gran número de traballadoras, mais as mulleres seguen a ter un papel residual nos órganos de dirección. 

Para estudar esta realidade do papel das mulleres no sector do mar, o Parlamento galego aprobou o pasado marzo por unanimidade a creación do Observatorio Galego da Igualdade do Sector Pesqueiro. Con todo, sete meses despois, este observatorio aínda non foi creado.

Conflito en Baiona

As patroas maiores eran seis até hai uns meses, mais unha votación da Xunta Xeral de Baiona, con vitoria por dez a oito a favor de José Manuel Sotelo, deixou Susana González fóra do cargo. 

Precisamente esta confraría protagoniza o maior conflito destas eleccións. A ex patroa denunciou a designación da Comisión Electoral de maneira irregular ao non ratificarse en xunta xeral e terse cambiado o censo de cinco mariscadoras. A Xunta da Galiza estimou a alegación e as eleccións fican paralizadas até a elección dunha nova Comisión Electoral.

Comentarios