O SLG denuncia o recorte de fondos en partidas agrarias

O sindicato agrario advirte da diminución de axudas na proposta da Xunta de modificación do Plan estratéxico da Política Agrícola Común (Pepac) 2023-2027.
A viticultura da Ribeira Sacra ten limitacións naturais pola pendente (Foto: Emilio Romanos).
photo_camera A viticultura da Ribeira Sacra ten limitacións naturais pola pendente (Foto: Emilio Romanos).

As protestas do sector fronte ás incidencias provocadas pola "deficiente" xestión de fondos para a agricultura ecolóxica e zonas desfavorecidas que impediu que un importante número de granxas puideran acceder a axudas públicas para as que cumprían os requisitos para ser beneficiarias, motivou que a Xunta da Galiza realizara unha proposta de modificación do Plan estratéxico da Política Agrícola Común (Pepac) 2023-2027 de cara ás solicitudes de axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica que serán realizadas a partir deste ano.

Esta proposta de modificación foi tratada no Comité de Seguimento Rexional do Pepac 2023-2027, onde foi aprobada para ser despois trasladada [esta cuarta feira] ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

A gandeira e técnica en Política Agraria Común (PAC) no Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Rodríguez, presente nesta xuntanza, chamou esta cuarta feira a atención sobre o feito de que no texto aprobado "figuran cuestións que non foron tratadas nos encontros preparatorios" coa Consellaría do Medio Rural e o Fondo Galego de Garantía Agraria, así como con outros departamentos administrativos do Executivo da Galiza.

Aliás, sinalou, "ningunha das emendas presentadas polo SLG foron incorporadas nesta proposta". Varias delas, engadiu, "constituían observacións que tiñan que ver coa procedencia dos fondos que a Xunta pretende derivar para cubrir as axudas agroambientais de ecolóxico".

Diminución de partidas

O SLG solicitou no comité de seguimento que os fondos precisos para cubrir as axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica "non foran obtidos a costa de reducir as medidas que historicamente mellor funcionaban, como finalmente se fixo". 

Neste sentido, a organización agraria denunciou que "a Xunta decidiu unha diminución de 40 millóns de euros asociadas á medida de zonas con limitacións naturais". Por outra parte, alertou de que "unha segunda subtracción de fondos sería aplicada na medida de rotación de cultivos sostíbeis, de onde se extraerían case 11 millóns de euros".

Ademais, o sindicato labrego tamén explicou que "canda estas dúas reducións orzamentarias nas axudas destinadas á actividade agrogandeira no marco da PAC, a modificación presentada pola Xunta da Galiza tamén diminúe o gasto público total do Pepac en 7,5 millóns de euros".

Comentarios