A Xunta exclúe 408 produtoras das axudas á agrogandaría ecolóxica

50% de solicitantes queda sen o apoio público.
Granxa ecolóxica en Xanceda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Granxa ecolóxica en Xanceda (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O Goberno galego fixo pública na xornada desta segunda feira a resolución de concesión das diversas liñas de axuda para as explotacións de agricultura e gandaría ecolóxica. A orde, recollida no Diario Oficial da Galiza (DOG), nega as subvencións procedentes dos fondos da Política Agraria Común (PAC) a 408 produtores galegos.

As explotacións de agricultura e gandaría ecolóxica foron as máis prexudicadas na orde da axudas divulgada pola Xunta da Galiza. Así, na liña de Conversión para Agricultura Ecolóxica (CAE) foron denegadas 29 solicitudes de 34 presentadas. Outro tanto aconteceu na liña de Conversión para Gandaría Ecolóxica (CGE), onde resultaron rexeitadas 124 peticións, de 150 formuladas. Precisamente, estas dúas liñas, xunto a de Mantemento de Gandaría Ecolóxica (MGE) con 109 resolucións negativas, foron as que causaron máis prexuízo aos produtores.

O voceiro da Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico da Galiza, Manuel López Louxedo, sinalou esta segunda feira a Nós Diario que “a resolución recollida no Diario Oficial da Galiza vén confirmar as nosas peores previsións, xa que fican rexeitadas máis de 50% das solicitudes presentadas”. Nesta liña, considera “evidente a falla de previsión do Goberno galego, que consignou dous millóns de euros menos dos necesarios para facer fronte ao total das peticións”. 

Asemade, resalta que “esta decisión chega cando a produción ecolóxica non supera 5% da Superficie Agraria Útil (SAU) da Galiza e a UE estabelece chegar a 25% para o ano 2030”.

López Louxedo cualifica o acordo do Executivo galego “como un menosprezo importante aos produtores e as produtoras de ecolóxico, sabedores de que esta situación pode pór en cuestión a viabilidade dos nosos proxectos vitais”.

Nesta dirección, apunta que “estes criterios son inxustos e irracionais ao implicar que máis de 50% dos solicitantes queden fóra das axudas, tanto no referido a novas inscricións como a produtores que leven moitos anos certificados”.

"A situación pode ser aínda moito peor"

A Plataforma de produtores e produtoras de ecolóxico da Galiza entende que “para os anos sucesivos a situación pode ser aínda moito peor, obrigando os produtores a adquirir compromisos temporais de cinco anos, renunciando á posibilidade de solicitar axudas en convencional, sen ter garantida a cobertura económica de ditas axudas por parte da Xunta da Galiza”.

Comentarios