Os produtores ecolóxicos da Galiza, en pé de guerra contra a Xunta

Avanzan mobilizacións contra o Goberno galego até resolver o conflito.
Diferentes froitas e hortalizas cultivadas ao xeito ecolóxico. (Foto: Craega)
photo_camera Diferentes froitas e hortalizas cultivadas ao xeito ecolóxico. (Foto: Craega)

A Plataforma de Produtores en Ecolóxico da Galiza vén de avanzar que realizarán mobilizacións en sinal de protesta polo incumprimento da Xunta de abonar as axudas da PAC (política agraria común) comprometidas.

Así o avanzou na mañá desta terza feira un dos portavoces da organización e gandeiro na Fonsagrada, Manuel López, que lamentou que o Goberno galego non abonase en todo o ano 2022 "os compromisos que había asinados durante todo o ano". Por iso, asegurou que tratarán de "presionar" a Xunta "por todos os medios".

"Xa chegamos ao Parlamento galego e ao Parlamento europeo, onde se presentou unha iniciativa, e farase algunha cousa máis. Imos seguir tentando que a Xunta rectifique e asuma os compromisos que tiña expostos", avisou.

O portavoz da Plataforma de Produtores en Ecolóxico precisou que a reclamación radica no abono de axudas vinculadas á PAC que en 2021 Medio Rural "promocionou o paso a explotacións en ecolóxico para cumprir co que demandaba Europa".

Neste sentido, lembrou que o obxectivo comunitario é "chegar a 25% da superficie agraria útil en ecolóxico" de todos os países da Unión Europea no ano 2030. Así, López incidiu en que esta superficie representa na actualidade na Galiza "5%", pero que podería alcanzarse coa ampliación dada en 2022 "a 7% ou 8%, non máis".

"Nós en canto a modelo de produción temos que cumprir uns requisitos e cumpríronse. A Consellaría non paga as axudas, barema, recorta e deixa a 85% de novos solicitantes sen axudas, e a 40% dos que xa tiñan axudas anteriormente", lamentou Manuel López.

No Nós Diario desta terza feira recóllese tamén unha valoración deste gandeiro, que sostén: "Din en Medio Rural que temos que facer unha reconversión e fechar, tal e como aconteceu co leite, polo que se partimos desa idea temos un problema".

Ao mesmo tempo, Xabier Fernández, produtor de gandaría ecolóxica de Cospeito, sinala a este xornal que "desde o mes de maio a Xunta conta cos datos das explotacións que solicitamos as axudas", ademais de posuír a información "desde decembro de 2021", facilitada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega).

Comentarios