O sistema de produción de enerxía precisa unha "redistribución equitativa" das cargas

Unha investigación pide repartir as "externalidades positivas e negativas".
Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press).

Os beneficios económicos derivados da produción enerxética "non necesariamente quedan na Galiza, e ao mesmo tempo,  as externalidades negativas  asociadas, como a contaminación ambiental e outros custos sociais, recaen en gran medida sobre os cidadáns galegos". Esa é unha das principais conclusións da recentemente publicada investigación Tendencias recentes na  evolución enerxética da Galiza (2000-2021), realizada polo graduado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) Emilio Muíños Calvelo.

Polo tanto, explica, "existe un desequilibrio entre un pequeno grupo de beneficiados e un gran grupo de prexudicados que expón unha cuestión non resolta en materia de equidade". Segundo sinala, "os beneficios da produción enerxética se concentran e privatizan, mentres que os custos son compartidos socialmente, polo que parece necesaria a idea de implementar políticas centradas nunha redistribución máis equitativa das externalidades, as positivas e as negativas".

"Semella pouco coherente pensar que dispoñendo dunha capacidade transformadora notábel e dunha proximidade relativa  respecto das fontes de enerxía, isto non se traduza en custos de transacción inferiores ou tarifas máis reducidas para os consumidores locais como efectos de arrastre da eficiencia na produción enerxética", acrecenta. Neste sentido, a Galiza "é importadora neta do resto do Estado español en termos de valor engadido, mais exportadora neta de materias primas relacionadas coa minaría, silvicultura, madeira e papel, así como coa produción de cemento", indica.

Por outra parte, segundo afirma o estudo, "no contexto da teoría do intercambio ecoloxicamente desigual, a Galiza adopta un papel simultáneo como rexión central e periférica na división global de actividades extractivas". Isto é así, explica, porque aínda que "é importadora neta de materias primas de países con ingresos medios e baixos", tamén "actúa como provedora neta de recursos naturais para países de ingresos altos".

Alén do excedente en produción de electricidade, a Galiza é un país importador de recursos de enerxía primaria (toda forma de enerxía dispoñíbel na natureza antes de ser convertida o transformada), mais ao mesmo tempo destaca "por unha gran capacidade  transformadora dos mesmos para a obtención de enerxía dispoñíbel, que en última instancia se destina ao consumo interno ou á exportación", segundo destaca o traballo.

A transformación de cru na refinaría da Coruña

"Os compoñentes da estrutura de enerxía primaria importada (como o petróleo, o carbón e o gas natural) destináronse  [entre 2000 e 2020], por orde de importancia, á produción de produtos petrolíferos e á xeración de calor, de electricidade e de biocombustíbeis", destaca. "En relación co cru de petróleo, a súa transformación enerxética alude ao proceso polo que se converte este e demais produtos semielaborados en combustíbeis dispoñíbeis para o consumo final", engade. Ademais, "na refinaría da Coruña xéranse enerxías residuais consumidas no propio refinado, como o fuel e o gas", conclúe a investigación.

Os combustíbeis fósiles teñen un uso moi especializado

Os produtos petrolíferos na Galiza, explica o estudo, "son empregados na súa maioría para o consumo no transporte, pesca, agricultura, minas, construción e exportación, mais tamén de forma residual para a xeración de calor e electricidade". O gas natural, pola súa parte, "destínase fundamentalmente á xeración de electricidade e calor, sendo residual o adicado ao transporte", segundo a investigación de Emilio Muíños Calvelo.

Comentarios