O Sindicato Labrego anticipa un novo conflito polos custos de produción do leite

O sindicato elixiu Manuel Villaverde no seu Congreso do Leite como novo responsábel do sector lácteo.
O Congreso do Leite realizouse no Pazo de Liñares (Lalín).(Foto: SLG)
photo_camera O Congreso do Leite realizouse no Pazo de Liñares (Lalín).(Foto: SLG)

O Sindicato Labrego Galego (SLG) desenvolveu esta sexta feira en Lalín o seu Congreso do Leite, do que saíu elixido Manuel Villaverde como novo responsábel do sector no sindicato para os vindeiros catro anos ─en substitución de Lupe Prado─, nos que estará acompañado por Ana Rodríguez como número dous.

O SLG abordou este congreso coa conciencia da crise crónica que sofre este sector, cun feche permanente de granxas por falla de relevo xeracional e expectativas, así como uns prezos do produto en orixe que son sempre os máis baixos do Estado e uns dos máis baixos da Unión Europea. 

Galiza conta, segundo os últimos datos oficiais, con 6.694 granxas de leite, que representan 55% do total das existentes no Estado español (12.008) e son responsábeis do 31% da produción láctea estatal.

Porén, desde o sindicato recoñecen que o feche de granxas no sector lácteo galego "foi brutal na última década se temos en conta que no ano 2010 había 12.000 explotacións activas perfectamente viábeis se tivesen recibido o necesario apoio da Administración". De feito cren que estes datos son "a constatación do fracaso das políticas agrarias da Xunta e do Ministerio de Agricultura, que segue a permitir o desmantelamento dun sector vital para o noso medio rural en aras dunha mal entendida modernidade".

Un dos aspectos sobre o que chaman a atención no sindicato é na falta de terras para dotar as explotacións leiteiras de base territorial suficiente. "A permisividade da Xunta coa forestación ilegal de terras agrarias levou Galiza a ser un dos territorios da Unión Europea con menor superficie agrícola", denuncian.

Conflito servido

A falta de terras e o incremento produtivo das granxas que van quedando fan que o modelo predominante camiñe cada vez cara a unha maior intensificación e, polo tanto, cara a unha maior dependencia de insumos do exterior, o que nos fai especialmente vulnerábeis, advirten. "Nos vindeiros anos, é previsíbel que a escaseza de petróleo se traduza nun notábel incremento no prezo do millo e da soia importados, dos fertilizantes nitroxenados, do carburante necesario para traballar as terras e transportar as producións... Incremento constante de custos co prezo para o leite en orixe máis baixo do Estado e un dos máis baixos de Europa: O conflito está servido", alertan.

A isto suman que as obrigas para acceder ás axudas da nova PAC ─necesarias para compensar uns prezos artificialmente baixos─ van ser cada vez maiores, sobre todo en relación coas emisións de gases de efecto invernadoiro do gando vacún.

No Congreso do Leite falaron polo miúdo disto e doutros desafíos, desde a Lei da cadea alimentaria ou o proceso xudicial iniciado contra o Cártel do leite, até os danos da fauna salvaxe, as relacións coa industria ou o decreto para a nutrición sostíbel do solo agrario.

Comentarios