martes 22/06/21

Denuncian a situación "insostíbel" do sector lácteo e impagos ás explotacións

Organizacións anuncian reclamacións xudiciais e mobilizacións nas empresas se non se achegan solucións. 
As explotacións gandeiras galegas, como a da fotografía, aumentaron os custos de produción (UUAA)
As explotacións gandeiras galegas, como a da fotografía, aumentaron os custos de produción (Foto: UUAA)

Cada primeiro de xuño desde 2001 celébrase o Día Mundial do Leite, unha data estabelecida pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) co fin de impulsar o consumo deste alimento e destacar os seus beneficios para a poboación. Máis do 40% de toda a produción estatal de leite é galega e, pola contra, as explotacións pagan os prezos máis baixos.

Desde as organizacións agrarias poñen en evidencia, unha vez máis, esta situación ademais de denunciar a falta de implicación por parte das institucións para mediar no que consideran "abusos" por unha boa parte da industria. 

UUAA denuncia unha situación "insostíbel"

Unións Agrarias (UUAA) denunciou onte o "empeoramento" da situación para as granxas de leite como consecuencia do aumento dos custos de produción que "empeoraron" nos últimos dous meses. "Unha ponte fai que un granxeiro cobre en Asturies tres céntimos máis que na Galiza diante da pasividade da Administración galega", asegurou en rolda de prensa Félix Porto. Desde esta organización sinalaron que o diferencial do prezo medio en relación ao Estado español é de 1,1 céntimos "e seguimos nos 0,32 céntimos de media por explotación". Todo isto cando, con datos de UUAA, se incrementou a alimentación do gando como o dos pensos un 24,2% en relación a abril de 2020. 

Tamén a luz aumentou de prezo un 36% xunto ao importe da man de obra, como consecuencia do incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). "Dous meses atrás falabamos dun custo de 1,5 céntimos máis con respecto ao ano anterior, agora estamos case nos 2 céntimos por cada litro de leite que se produce", resumiu Porto. Por este motivo pedirán que se incremente o prezo nos lineais que chegan ao consumidor. 

Para Isabel Vilaba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), "non hai elementos para ser optimistas no futuro" por continuar nunha situación que cualificou de "medieval e de extorsión", onde os prezos se articulan "dunha maneira artificial por parte das distribuidoras".

Elias Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga), lembrou que xa "desde 2015 se fala de crear un índice que regule os prezos do leite, mais pasou o tempo e seguen igual". Cre que a "indefensión das gandeiras e dos gandeiros é total na Galiza".

UUAA denunciou que algunhas empresas empregan "resortes legais" para non pagar o último mes cando un produtor anuncia que marcha. Porto alertou que as explotación non reclaman "por custarlles máis presentar unha protesta que o importe da débeda". Por este motivo anunciaron que actuarán pola vía xudicial e con mobilizacións diante da loxística alimentaria das industrias.

Fruga advirte de que a situación se repite

Somoza cre que é un tema "que se repite ao longo do tempo" e engade que "calquera empresa se fai compradora de leite sen ter avais", mais cando hai problemas "son as explotacións quen pagan as consecuencias". Así pois, demanda que se cumpran "unhas exixencias que permitan ter unha garantía", sobre todo "cando son os primeiros compradores".   

O Sindicato Labrego denuncia fórmulas para non pagar

Desde o Sindicato Labrego Galego aseguran que a Administración galega segue sen atender a petición sobre a continuidade das impresas que deixan impagos cando mudan o seu nome. Afirman que "hai entramados societarios que operan con distintos nomes e deixan débedas que non se recuperan", di Isabel Vilalba, "e o peor de todo é que esas empresas continúan operando baixo outra denominación", engade.

comentarios