domingo 18/04/21

O prezo que se paga a produtores galegos polo leite baixou a 32,7 céntimos por litro

A produción de leite retrocede no segundo mes na Galiza, con 228.118 toneladas, unhas 16.000 menos que en xaneiro. 
Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).
Vacas nunha explotación leiteira (Xunta).

Os produtores e produtoras galegas reciben 32,7 céntimos por litro de leite no mes de febreiro, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura.

Deste modo, Galiza segue á cola do país xa que é o territorio peninsular con menor prezo -en Baleares son 31,7 céntimos-. Na Galiza págase un céntimo menos que a media española, que se sitúa en 33,8 céntimos.

Estes 32,7 céntimos por litro supoñen unha baixada desde os 33 céntimos que se pagaban en xaneiro.

O 2020 comezou na Galiza con 7.092 granxas de leite operativas e despediuse con 6.722 en funcionamento. Polo camiño, 370 explotacións leiteiras botaron o fecho. Máis dunha por día.

Os dados do Fondo de garantía agraria (FEGA) indican tamén que Galiza é, máis unha vez, quen lidera no Estado a perda de explotacións. Nada raro, tendo en conta que producimos máis de 40% do leite do conxunto do Estado.

A isto hai que engadir que das por volta de 12.000 granxas que actualmente hai no conxunto do Estado as galegas representan máis da metade.

comentarios