Mar

18,5 millóns de euros sumaron as perdas do sector marisqueiro en 2023: "Precisamos unha axuda seria"

Un dos sectores do mar que se manifestou este pasado domingo en Compostela, o do marisqueo, denuncia unha situación "insostíbel" e demanda solucións. Ás perdas económicas dos últimos anos súmanlle as paradas obrigadas e os gastos fixos que pagan cada mes.
Manifestación en defensa do mar o pasado 21 de xaneiro en Compostela. (Foto: Xan Muras)
photo_camera A manifestación en defensa do mar deste domingo ao seu remate na praza do Obradoiro, en Compostela (Foto: Xan Muras)

O sector marisqueiro galego vive un dos peores momentos da súa historia. A media de ingresos nos cinco anos anteriores a 2023 era de 66 millóns de euros e o ano pasado foi de 47,5 millóns de euros. Constata esta situación o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez. “O detonante foron os réximes de choivas, moito máis acentuados en 2023 que noutros anos, concentrados no último trimestre, coa consecuencia da rebaixa da salinidade das augas”, apunta a Nós Diario.

Entre os datos que manexa este investigador galego salienta que unha especie como o berberecho “quedou en 25% da que había en 2022”. As caídas, engade, “tamén afectaron á ameixa (fina, babosa e xapónica) e á navalla”, ou sexa, “todas as especies importantes para o marisqueo a pé e en parte do de a flote”.

Rodríguez, con datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca da Xunta da Galiza, sinala que toda a produción de marisqueo na Galiza en 2023 (no conxunto de todas as especies) reduciuse, de media, “nun 52% en comparación cos cinco anos anteriores”  ademais de baixar “un 28% en valor económico”.

Baixa produción

Por zonas, a dependencia dalgunhas agrava tamén a situación, como é o caso de Noia ou Carril. “O impacto vai ser brutal e tamén afectará ás empresas que traballan na cadea de valor, como as depuradoras, que purifican máis do 40% deste produto”, analiza Rodríguez, “neste caso a caída nun 79% da produción de berberecho”, engade.

A baixa produción doutras especies tamén foi importante en 2023, como a da ameixa bicuda (-70%), ameixa xapónica (-28%), ameixa rubia (-52%), ameixa fina (-48%) e ameixa babosa (-63%). “Son magnitudes moi importantes se temos en conta que 99% da produción destas especies no Estado español prodúcese na Galiza”, pon de manifesto este economista.

Outra circunstancia marcará un futuro negro para o sector: a súa comercialización fóra da Galiza. “En Mercabarna e Mercamadrid obsérvase un aumento dos bivalvos que veñen de Dinamarca, Francia ou Italia”, asegura o investigador da USC. 

Economía familiar

“Os consumidores ao final sufrirán as consecuencias da inflación co aumento dos prezos como consecuencia desta carestía”, admite Gonzalo Rodríguez, “e non compensa as perdas do sector, hai que ter en conta que é unha economía social, na que traballan moitas mulleres que teñen un ingreso baixo”, engade. 

Confirma esta circunstancia a presidenta da Agrupación de mariscadoras de Carril, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), María Porto. En declaracións a Nós Diario sinala que, en 2023, após un cese de seis meses, traballaron outubro e novembro. “Despois tivemos que parar polas choivas e a temperatura das augas, polo que nin rematamos a campaña do Nadal”, afirma esta mariscadora.

Ademais das perdas pola pouca ameixa recollida eses dous meses, Porto salienta o gasto de 70.000 euros en semente que realizaron en abril “que tamén está perdido, non sacaremos nin a cuarta parte”. O medo instalouse na agrupación por levar "tres anos dos últimos cinco anos con riadas" e non contar coa zona dos Lombos do Ulla -na desembocadura deste río- desde 2019. Agora traballan só na praia da Compostela e na Fangueira, zonas que coa choiva "tampouco foron produtivas".

O salario dunha mariscadora, como no caso de María Porto, depende de contar con "meses bos, concentrados entre outubro e decembro" para despois conformarse con sacar entre 400 e 500 euros mensualmente. "Hai que ter en conta, ademais, que cada mes temos, entre a Seguridade Social e a semente, uns 300 euros de gastos en total", suma esta mariscadora. 

Nos últimos cinco anos, segundo datos que lle facilitou a agrupación a confraría de Vilagarcía, só dous anos chegaron a sacar o salario mínimo interprofesional (SMI) unha vez descontado os gastos que teñen cada mes que suman 3.500 euros/ano. Foron por mariscadora, apunta Porto, "2019 cando se conseguiu chegar aos 17.000 euros/ano e 2022, cuns ingresos  de 12.599/ano". En 2020, o ano da pandemia da Covid-19, ingresaron 10.300 euros/ano e a peor campaña, sen contar coa de 2023 aínda sen datos, foi en 2021 onde os ingresos sumaron 5.068 euros/ano.

Na ría de Muros-Noia, unha das máis afectadas, tamén hai preocupación. O presidente da Agrupación de Marisquo a pé de Noia, Francisco Pérez, recoñece a Nós Diario que a situación "non mudou nada" e aínda agardan pola resposta da Xunta. A poucos quilómetros, no municipio de Muros, a súa alcaldesa, María Lago, explica que desde o Concello "non temos moita marxe e apoiamos ao sector en temas puntuais" mais é "desde o Goberno galego, que ten que axilizar as actuacións". Neste sentido denuncia que "as axudas ás mariscadoras están anunciadas mais non aprobadas".


O marisqueo a pé pide axudas para o sector "todo o ano"

O sector do marisqueo pide unha liña de axudas específica para paliar a situación que están vivindo desde hai anos e é crítico coa axuda anunciada pola Consellaría do Mar, dunha contía de 550 euros, para sufragar as cotas correspondentes a dous meses da Seguridade Social. "A xente do mar precisamos unha axuda seria, non 550 euros dun pago único como propuxo a Xunta", indica María Porto.

"Gustaríame ver se algún político pode comer con ese diñeiro, parécenos unha tomadura de pelo", engade. Neste sentido, a presidenta Agrupación de mariscadoras de Carril, en Vilagarcía de Arousa, considera "aínda máis vergonzoso que o aprobaran a confrarías e volveran con esa cantidade".

Proposta do marisqueo

Alén da crítica, Porto pon enriba da mesa a idea de que as axudas "teñen que chegar á xente que está parada". A razón é que malia que estes meses non teñen posibilidade de extraer, "seguimos limpando e facendo as tarefas propias de todo o ano". Ademais, lembra que as facturas cos gastos fixos, como a da Seguridade Social e a compra de semente, "chegan cada mes". Deste último tema, sinala que a Xunta da Galiza "non axuda a rexenerar, concede unha axuda de 7.000 euros ás confrarías cando o valor da semente é de 70.000 euros".

Comentarios