76% menos de berberecho e 65% menos de ameixa: o sector urxe actuar ante unha “debacle” na que a Xunta ten “responsabilidade”

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Plademar Muros-Noia, confrarías, mexilloeiros e agrupacións de marisqueo  piden un plan de rexeneración vinculado a axudas e actuar sobre os factores que multiplican a mortaldade.

PDRA
photo_camera Comparecencia esta terza feira en Carril de representantes do sector (Foto: PDRA)

A crise na produción marisqueira é unha realidade que bate en boa parte da costa galega e afecta miles de empregos directos. Unha situación ante a que o propio sector do mar exixe con urxencia que se adopten medidas. Esta terza feira foron Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Plademar Muros-Noia, confrarías, mexilloeiros e Agrupacións de marisqueo a pé e a flote as que nunha comparecencia en Carril, na ría de Arousa, piden un plan de rexeneración vinculado a axudas e actuar sobre os factores que multiplican a mortaldade.

“O imparábel descenso da produción de ameixa e berberecho que vimos denunciando desde hai moitos anos na ría de Arousa, podemos afirmar que xa é xeneralizado en toda a Galiza”, sosteñen estes colectivos. “Se comparamos a produción galega do período xaneiro-outubro dos derradeiros 21 anos, os datos son demoledores. A baixada deste ano (xaneiro-outubro) respecto á media 2003-2023 é de 76% no berberecho, 64% na ameixa rubia, 67% na ameixa fina e 74,3% na ameixa babosa”.

Teñen claro que “non estamos ante un descenso puntual deste ano, estamos ante unha debacle progresiva e anunciada hai unha década, cunha Administración sen iniciativa, que non aborda os problemas de fondo e tapa a crueza dos datos con eventos meteorolóxicos ou climáticos mediante os que elude as súas responsabilidades competenciais”.

“Non se pode seguir así”

A Administración responsábel, denuncian, non asume as súas competencias nin toma medidas. “Hai tempo que asistimos ao devalo progresivo do sector marisqueiro: en 2001 tiñamos na Galiza 6.551 permex de mariscadoras e no ano 2022 temos 3.614. De seguir por este camiño as mariscadoras e mariñeiros van procurar traballo en terra e poden darse as circunstancias que favorezan o desmantelamento do modelo produtivo tradicional das rías e que acabe introducíndose a acuicultura industrial. Pasaríamos do modelo tradicional familiar de autónomas e pequenas empresas a ser asalariados de multinacionais”.

En calquera caso, explican nun comunicado estas entidades, a opinión pública ten que ser consciente de que o actual modelo tradicional da pesca, marisqueo e acuicultura de bivalvos ten unha compoñente estrutural para o territorio, a paisaxe, a imaxe e o sentimento da Galiza. “A nosa paisaxe cultural ten implicacións socio-económicas transversais no conxunto da sociedade galega”

Por todo isto, todos estes colectivos e organizacións formulan unha serie de demandas.

Plan de rexeneneración vinculado a axudas

“É necesaria a realización dun plan de rexeneración cunha forte dotación económica, pero non para introducir empresas foráneas que substitúan a xente do mar. Precisamos que poidan traballar as mariscadoras e mariñeiros que polas actuais circunstancias están en paro biolóxico e/ou cese de actividade. Non apartar ás mariscadoras das zonas de traballo e implicar aos mariñeiros na recuperación das zonas, solucionando os problemas administrativos entre a Xunta e o ISM para non atrancar a actividade da xente”.

“Na actualidade cando se decreta un cese de actividade por forza maior, as persoas afectadas poden solicitar unha prestación ao ISM, pero exixen doce meses de cotización nos últimos dous anos. Nas actuais circunstancias de escaseza de recursos e por causas alleas á vontade das mariscadoras, é difícil garantir os meses de cotización polo que sería necesario reducir o número de días cotizados ou ampliar o período de anos a computar”.

“A outra alternativa de axudas é financiar unha parada temporal da actividade con fondos FEMPA mais esixen ter 120 días de actividade extractiva con ventas, requisito que tampouco é doado cumprir por parte do marisqueo a pé e a flote, porque non se axusta á realidade desta actividade”.

“En calquera caso chama a atención nos orzamentos de 2022, xa executados, que o programa 723-A da Consellería do Mar “competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e acuícola”, que permite actuacións nos bancos marisqueiros, só se executou 47,25% dos 55.895.000 euros totais, é dicir, que quedaron sen utilizar 29.483.000 euros. Isto a pesares das necesidades urxentes reclamadas polo sector. E tampouco entendemos como na situación actual de crise do sector, nos orzamentos para 2024, o programa 723-A diminúe nun 63,29% respecto aos 72.569.862 euros de 2023. Nós defendemos que as axudas non deben deixar a ninguén atrás e só deben estar supeditadas á posesión do permex”.

Estudo multidisciplinario

“Xa levamos moitos anos demandando a necesidade dun estudo independente e multidisciplinar. A estas alturas debería estar feito. Só tendo unha análise rigorosa da realidade podemos debuxar os múltiples factores que interactúan no medio e afectan aos bivalvos”.

“Vivimos de cote o cambio na temperatura da auga, que hai menos nordés e por tanto menos afloramento e menos comida e, en consecuencia, a renovación das augas das rías é menor e os efectos da contaminación son maiores. Por todo isto os bivalvos están debilitados e coas defensas baixas e sofren unha maior mortaldade como consecuencia da contaminación, da transmisión de patóxenos e das baixadas de salinidade ocasionadas polo descontrol dos desencoros; estamos diante dunha “tormenta perfecta””.

Actuar sobre os factores que multiplican a mortaldade

“Por desgraza, diante desta realidade multifactorial complexa, a Xunta da Galiza dá un diagnóstico simplista para xustificarse diante da opinión pública (temperatura da auga/chove moito/cambio climático). Nós entendemos que é urxente actuar onde temos competencias e podemos”. Citan, así,  atallar a contaminación das fábricas, EDAR e minas e controlar a contaminación dos ríos e transparencia nos protocolos de desencoro.

“O estado dos ríos condiciona a produción marisqueira. A función inspectora e sancionadora de Augas de Galicia é moi deficiente. Podemos afirmar que é unha Administración opaca que non é consciente de que tutela un ben público: a auga. Ten a obriga de ser transparente na súa xestión. Precisamos dunha administración que non estea subordinada ás grandes empresas e ás eléctricas e que defenda os intereses públicos do conxunto da cidadanía”

Comentarios