A crise do marisqueo en Noia forza un ERTE a 64 persoas traballadoras da confraría: "Chove sobre mollado"

O sector marisqueiro de Noia recolle 70 toneladas de bivalvo dos areais, mais só se poderá recuperar "entre 15% e 20%" debido á mortaldade.
Bivalvo arrastrado ás praias durante a última fin de semana (Foto: Europa Press).
photo_camera Bivalvo arrastrado ás praias durante a última fin de semana (Foto: Europa Press).

A confraría de pescadores de Noia presentou un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para 64 traballadores dun persoal total de 90 persoas tras a morte de toneladas de cría marisco chegadas nos últimos días aos areais da ría.

O secretario da confraría de Noia (que tamén ten actividade no municipio de Outes), Adelo Freire, explica que agora a Xunta da Galiza deberá resolver sobre esta proposta de ERTE, aínda que esperan que a decisión sexa "rápida".

En concreto, as afectadas polo ERTE son persoas traballadoras de lonxa, vixiantes, administrativos e persoal de limpeza, entre outros, de forma que "se manterá o mínimo" en funcionamento con "xente de criadeiro, algunha persoa en oficina para dar servizos e algún vixiante para os bancos".

Freire relata que no pasado tan só recorreran a esta figura para casos concretos dun par de persoas de laboratorio ao estar fechados os bancos, mais nunca a este nivel. Todo iso debido aos problemas que se viven tras unha campaña de só oito días, á que agora se une a morte masiva de marisco, polo que "chove sobre mollado".

"Por encima a esperanza que tiñamos vense abaixo pola mortaldade masiva, fai que non poidas asumir ter a 90 persoas, o que é lóxico se se fecha a lonxa, polo que se busca que non queden desamparados", sinalou o secretario da confraría de Noia. "Algúns non teñen nin paro porque empezaron hai oito días", concluíu Freira.

Mortaldade por riba de 80%

Por outra parte, o patrón maior da confraría, Santiago Cruz, calcula que se retiraron unhas 70 toneladas de cría de marisco durante das praias as últimas tres xornadas, mais o que se poderá recuperar non pasará de "entre 15% e 20%", pois "moito berberecho estaba aberto xa".

Comentarios