O marisqueo xera na Arousa o triplo de empregos directos que os prometidos por Altri na Ulloa: "A celulosa sería o final"

A ría de Arousa é un dos grandes pulmóns económicos da Galiza pola relevancia do sector pesqueiro, que resulta determinante a efectos de emprego e PIB para as comarcas do Barbanza e O Salnés. O sector do mar alerta do risco que representa a instalación da factoría de Altri para a súa actividade.

A actividade pesqueira é chave nos municipios da ría de Arousa.
photo_camera Mariscadoras, na ría de Arousa, nunha imaxe de arquivo. (Foto:Europa Press).

“A celulosa de Altri sería o final para nós no caso de ir adiante, e non só para os marisqueo senón tamén para o mexillón”, sinala a Nós Diario Miguel Iglesias, patrón maior da Confraría de Pescadores de Rianxo, na comarca do Barbanza, quen apunta que “se Portugal non a quixo, por algo sería”. Neste sentido, considera que o proxecto da pasteira “require unha cantidade brutal de auga e aumentaría as verteduras ao Ulla, un río que xa ten unha cantidade de verteduras moi elevada e que provoca que baixe con espuma durante todos os días do verán”. A este respecto, indica que “a cantidade de verteduras do río Ulla é brutal e isto é un dos factores que provocou que nos lombos do Ulla, aquí na ría de Arousa, dun día para outro morrera o berberecho”.

A Confraría de Pescadores de Rianxo conta con máis de 600 socias e socios, que se dedican na súa maioría á pesca coa tradicional arte do xeito e do bou de vara e ao marisqueo, fundamentalmente do berberecho e da ameixa. Nesta liña, os bancos de marisco de Rianxo non escapan á crise do sector, o que impide traballar durante todo o ano ás 144 mariscadoras e mariscadores deste municipio, onde 487 persoas cotizan polo réxime especial do mar. O patrón maior de Rianxo explica que “unha parte das mariscadoras e dos mariscadores están buscando traballo a media xornada en terra para poder ter ingresos” e advirte de que “a falta de actividade pon en risco a viabilidade das confrarías”.

O perigo das verteduras

Iglesias demanda solucións ás administracións diante desta situación de emerxencia. Neste punto, reclama a Augas da Galiza que “cumpra o seu cometido sobre o control das augas e impida as verteduras” e solicita á Xunta da Galiza “un estudo completo sobre a situación da ría para saber cal é causa do problema que acaba coa produción”.

“Altri é o que nos faltaba para acabar co marisqueo na ría”, reflexiona, en conversa con Nós Diario Inma Rodríguez, presidenta da Organización de Produtores Pesqueiros 20 (OPP-20) da Illa de Arousa, na comarca do Salnés, quen destaca que “se vai adiante a fábrica é a morte da nosa actividade, porque o proxecto non é o que nos pintaban, é unha celulosa e xa temos o exemplo do que representou a fábrica de Ence para a ría de Pontevedra”. Lembra que “a celulosa precisa 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, dos que vai devolver 30 millóns en forma de verteduras e esta auga contaminada vai vir ao mar”, polo que entende que “isto non é compatíbel co marisqueo nin co rural, en xeral vai acabar con todo”.

A OPP-20 da Illa de Arousa agrupa perto de 900 persoas, nun concello onde o sector pesqueiro representa o 22,7% do Produto Interior Bruto (PIB). Ao tempo, desta organización de produtores fan parte 194 mariscadoras e mariscadores, afectados pola falta de produto nos bancos do concello. A presidenta da OPP-20 indica que “nós non temos marisco” e que “traballar para pagar o seguro non é rendíbel, polo que a xente nova marcha para outros oficios, pondo en cuestión o relevo xeracional”. A localidade perdeu 132 mariscadoras desde 2009, pasando de 326 profesionais con licenza en 2009 a 194 en 2023, "o que representa unha baixa de 40,5%".

Rodríguez non dubida que “o mar está contaminado” e responsabiliza da falta de marisco a diversas causas. Así, entre outras, apunta “a suba das temperaturas da auga”, as "elevadas concentracións de auga doce" ou “ao cambio climático” e avanza “un ano moi duro para o marisqueo”. A este respecto, conclúe que “a solución non pasa por dar axudas durante dous ou tres meses” e urxe que se determine de “onde vén o problema e sanear o mar”.

“Unha industria como a de Altri non ten sentido na ría de Arousa nin na Galiza e menos aínda construída con fondos públicos, con axudas dos Next Generation,” afirma a Nós Diario Óscar Abal, presidente da Asociación de Mexilloeiros San Sadurniño de Cambados, na comarca do Salnés, quen indica que “abonda con ver o impacto das celulosas de Altri sobre o río Texo para coñecer o impacto que esta industria tería sobre o río Ulla e a ría de Arousa”. "Se os 30 millóns de verteduras que Altri vai botar ao río Ulla chegan á ría de Arousa axudaría a que toda a produción que temos aquí morrera” e conclúe de xeito categórico que “se este proxecto vai adiante imos matar a ría de todo”.

A asociación aglutina 55 socios, que suman 88 bateas de mexillón e arredor de 20 de ostra, representando o complexo pesqueiro para este concello do Salnés un 17,9% do PIB. Porén, o presidente da entidade advirte da delicada situación do sector do mexillón “polo cambio climático e as verteduras da industria, da minaría e das Edar”.

Abal considera prioritario para reverter esta situación “o saneamento integral da ría” e lamenta que “os fondos públicos destinados para Altri non se destinen para o saneamento e rexeneración das rías e para o mar en xeral".

O marisqueo ocupa de maneira directa 1.603 persoas nos concellos de Arousa

O sector do mar é o gran motor económico dos concellos da ría de Arousa. Segundo os datos achegados pola Análise do sector da pesca elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2023, o complexo pesqueiro representaba en 2020, último ano con cifras, o 25,9% do Produto Interior Bruto (PIB) do Barbanza e o 8,1% do Salnés. Ao tempo, os 10 municipios da ría contan con 1.603 mariscadoras e mariscadores en activo, que representan o 44,3% do total do país, e 2.319 bateas de mexillón en 18 polígonos diferentes, o que fai da Galiza o terceiro produtor mundial deste bivalvo após China e Chile.

O profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en cuestións pesqueiras Gonzalo Rodríguez sinala a Nós Diario que “proxectos como a celulosa de Altri erosionan sectores estabelecidos como a pesca, con efecto arrastre hoxe na economía galega, e non con efectos potenciais ou de futuro, pretendo substituír estes sectores por outros como a pasteira, que son como o conto da leiteira”.

Rodríguez desvela que “ademais dos empregos directos xerados pola actividade pesqueira, están todos os indirectos, como poden ser as depuradoras de mexillón na ría de Arousa ou os xerados nas confrarías, que representan perto de 1.000 en toda a Galiza”. Asemade, destaca o peso “de todo sector de transformación ligado á conserva e ao conxelado, das empresas comercializadoras de produtos frescos, do transporte ou dos negocios de subministro”.

Comentarios