A seca está a provocar carencia nos pastos do país e aumento dos custos das forraxes

Prevese unha mingua na produción da faba de Lourenzá superior a 30%.
Os sindicatos agrarios alertan sobre as consecuencias da carencia de precipitacións e do aumento das temperaturas sobre os pastos (Foto: Darío Peña).
photo_camera Os sindicatos agrarios alertan sobre as consecuencias da carencia de precipitacións e do aumento das temperaturas sobre os pastos (Foto: Darío Peña).

As precipitacións están sendo escasas no que vai de verán na vertente Atlántica da península Ibérica, o que está a provocar unha situación de escaseza de auga con incidencia sobre varias zonas da Galiza. Así o corrobora a Nós Diario o experto en Xeografía Física e responsábel de ciencia de datos na Fundacion para a Investigación do Clima, Dominic Royé, que explica que "estamos nun ano entre seco e moi seco nas zonas do norte da Galiza".

Ao respecto, sinala o especialista en clima, "aínda que nos primeiros meses tivemos unha anomalía positiva, actualmente levamos menos chuvia do normal [no conxunto do país]". A pesar de que "observamos menos días extremos como aqueles vividos no mes de xullo do ano pasado, as temperaturas están encima do normal", engade.

Neste contexto, o coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, apunta a Nós Diario que os efectos da falta de precipitacións "estanse a notar en moitas zonas, este ano con esta seca as áreas de pasto redúcense moito". Por outro lado, afirma, "houbo unha mingua importante nas colleitas de herba para forraxe xa anteriormente, e imaxínome que o millo forraxeiro tamén sufrirá as consecuencias". 

"A isto hai que engadir o importante encarecemento das forraxes, especialmente da palla que vén a Galiza desde Castela, a escaseza provocada tamén polas poucas chuvias nesta zona é o que provoca a suba de prezos", sinala o representante da Fruga.

"A influencia da seca este ano é desigual a nivel territorial, nalgunhas zonas non houbo unha incidencia moi importante mais en comarcas costeiras como a da Mariña ou a da Coruña non é habitual que haxa os niveis actuais de carencia hídrica, o que se está a notar moito nos cultivos", expón a este xornal a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba.

"Moita produción forraxeira non vai ter valor nutritivo porque a causa da seca non chegou a ter espigas", explica. Ademais, di, "boa parte dos pastos no interior da Galiza, mais tamén en zonas de costa, están arrasados". "No caso da faba de Lourenza estamos vendo que probabelmente haxa unha mingua de máis de 30% na produción", engade. 

A situación de seca, adhire en conversa con Nós Diario o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, provoca "un recorte da produción de forraxes, non só na Galiza, senón que hai que sumarlle o efecto colateral do encarecemento do produto que chega desde o resto do Estado". Sobre a situación durante os últimos anos, asevera, "o cambio climático é unha realidade que provoca episodios de seca e altas temperaturas de forma recorrente e que cada vez son máis difíciles de prever".

A importancia da ciencia

"A ciencia terá que axudarnos cada vez máis a prever cales son o tipo de variantes e de plantacións que temos que temos que regular tendo en conta o cambio climático", defende García. Ao respecto, explica Vilalba, "hai que crear un espazo de traballo  sobre a seca en colaboración cos centros de investigación agraria para estudar posibilidades sobre as variedades e as técnicas de cultivo máis idóneas para os novos escenarios que poidan xurdir co cambio climático".

A calor incrementa a mortalidade nos bancos marisqueiros

"As altas temperaturas aumentan a mortalidade nos bancos marisqueiros intermareais non só porque poden superar o nivel de tolerancia das especies senón tamén porque potencian outras afeccións que sofren os moluscos", explica a Nós Diario a bióloga da confraría de Noia, Liliana Solís. Por exemplo, di, "as poboacións de ameixa afectadas por patoloxías parasitarias como o Perkinsus non superan os veráns calorosos".

Ademais, sinala, "nos estuarios das rías intensifícase o fenómeno de eutrofización, coa proliferación de algas verdes que provocan anoxia no substrato se non son retiradas polo sector marisqueiro". Porén, conclúe, "a produción marisqueira e pesqueira dependerá de que sigan producíndose os afloramentos mariños de augas frías cargadas de nutrientes desde a primavera até o outono".

Comentarios