O verán de 2023 será moi cálido en todo o territorio estatal e, probabelmente será máis chuvioso e tormentoso do habitual na maior parte. Segundo avanzou esta cuarta feira a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) hai unha "alta probabilidade" de ter un verán "non só cálido, senón moi cálido", até o punto de que estará entre o cinco máis calorosos dos últimos 30 anos rexistrados.
Na rolda de prensa trimestral, portavoz da Aemet, Rubén del Campo, apuntou que non hai unha tendencia clara sobre o comportamento das precipitacións para os meses de xuño, xullo e agosto na Galiza, o Cantábrico e as Canarias, se ben apuntou que "quizais as tormentas sexan máis abundantes" que outros anos.
Primavera seca
Polo que se refire á primavera, a Aemet confirmou que foi a máis cálida desde que hai rexistros, ademais de "moi seca", en concreto a segunda máis seca de toda a serie histórica no conxunto do Estado por detrás da de 1995.
Segundo precisou esta cuarta feira, 7 de xuño, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao radar meteorolóxico de Cuntis, a Galiza rexistrou unha primavera "moi cálida e seca", cunha temperatura media de 14,2 graos, case dous máis dos esperados.
Polo que respecta ás precipitacións, a Galiza anotou un 24% menos de choivas. O mes de marzo foi lixeiramente húmido, con 117 litros por metro cadrado de media; abril, moi seco, con 68, mentres que en maio choveu un 37% menos do normal con precipitacións asociadas a fenómenos tormentosos.
Máis de 8.000 raios en cinco días
Nos últimos tres meses rexistráronse case 13.700 raios, 99% nos últimos seis días do mes. Nos primeiros cinco días de xuño repetiuse o fenómeno, con 8.556 raios.