Os salarios das persoas menores de 35 anos están 20,5% por baixo da media

Se o salario medio na Galiza é de 22.834 euros, as persoas menores de 35 anos cobran de conxunto 18.156 euros. A fenda salarial que afecta a mocidade é de 4.678 euros anuais, o que implica unha diferenza de 20,5%. Aliás, 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada,  8,5 puntos por riba da media total do país.
O salario medio da mocidade no Estado é 9,6% maior que o da xuventude traballadora galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O salario medio da mocidade no Estado é 9,6% maior que o da xuventude traballadora galega. (Foto: Nós Diario)

Os datos laborais referidos ao segundo semestre de 2022 certifican a fenda salarial que afecta á mocidade galega. A diverxencia coa poboación maior de 34 anos é aínda maior cando se comparan as retribucións dos mozos e das mozas galegas coas residentes noutras partes do Estado español.

O salario medio na Galiza é de 22.834 euros. Porén, as persoas comprendidas na faixa de idade de entre 25 e 34 anos cobran de conxunto 18.156 euros. Así, a fenda salarial é de 4.678 euros anuais, o que representa unha diferenza porcentual de 20,5%, como recolle o estudo difundido pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) sobre a realidade laboral galega entre a xuventude.

Asemade, as persoas de entre 25 e 34 anos cobran ao ano de media no Estado 20.090 euros, isto é 1.934 euros máis que a mocidade traballadora galega, habendo unha diverxencia de 9,6%. Precisamente, esta diferenza non deixa de ampliarse malia á redución do referido grupo de idade entre a poboación galega, como consecuencia do envellecemento poboacional pero sobre todo da emigración.

O estudo da UXT sinala que "en relación cos baixos salarios, fan falta políticas máis contundentes para conter a inflación e protexer as rendas salariais, iniciando un proceso de diálogo urxente para repartir os custos da maneira máis xusta posíbel, sen que iso tampouco supoña un lastre para a actividade económica das pequenas empresas". Ao tempo, reclama "políticas activas de emprego, das que ten competencia a Xunta, realmente eficaces e personalizadas en función das necesidades particulares das persoas desempregadas".

O secretario de Negociación Colectiva da CIG, Francisco Sío, sinala a Nós Diario que "a fenda salarial dos mozos coa poboación adulta sempre existiu pero nestes últimos anos ten ido a peor como consecuencia das reformas laborais, onde restaron poder de negociación aos sindicatos".  Nesta liña, denuncia que "na negociación colectiva téñense creado, nalgún caso, as categorías de entrada, unhas medidas ad hoc para a xente moza co obxectivo de que cobren moito menos". Asemade, lembra que "aquelas xeracións que entran a traballar en períodos de crise van arrastrar sempre unhas condicións peores ao longo de toda a súa vida laboral" e considera que "o incremento da idade de xubilación vai en contra deste colectivo".

A responsábel de Emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza, indica a Nós Diario que "a realidade do mercado laboral galego e no conxunto do Estado é que a mocidade e as mulleres ocupan os peores empregos, aqueles con máis precariedade e cunha remuneración inferior". Neste sentido, insta "a agardar a final de ano, para que cuns datos máis precisos, saibamos se a reforma laboral deu os resultados previstos e estes empregos máis en precario deixan de ser ocupados por mocidade e mulleres". Ao tempo, demanda "unha formación continúa das traballadoras e traballadores para adaptalos ás necesidades do mercado laboral actual".

Desemprego xuvenil

Os baixos salarios neste grupo de idade van ligados a unha elevada taxa de desemprego. Segundo as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada,  8,5 puntos por riba da media total. Asemade, as taxas de desemprego alcanzan a 55,5% das persoas de 16 a 19 anos e a 31,3% entre 20 e 24 anos. Neste contexto, explícase o elevado nivel de precariedade e parcialidade no colectivo, favorecido por traballar 71,6% da mocidade no sector servizos.

Emigración

As altas taxas de paro xuvenil van acompañadas dunha importante vaga migratoria que ten expulsado da Galiza 371.637  persoas  entre 2009 e 2021. A este respecto, o economista e colaborador de Nós Diario Joam Romero sinala que "o discurso oficial agocha esta sangría aducindo un saldo migratorio positivo que, na maioría, supón o retorno de ondas migratorias precedentes". Así, "38% do total dos que marcharon son menores de 29 anos", continúa Romero que cualifica a situación como "un verdadeiro éxodo xuvenil que expulsa talento e capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno".

Unha nova crise

A xestión da crise de 2008 marcou un punto e á parte na situación da mocidade. Unha boa mostra diso é a  desvalorización salarial dos mozos e das mozas, a perda de dereitos laborais e o incremento das taxas de emigración. Sen que esta realidade se tivese reparada, a xuventude enfronta outra crise.

Comentarios