Os galegos e galegas cobran case 7.000 euros menos ao ano que a media da UE

O salario medio no conxunto da Unión Europea é de 2.194 euros mensuais, mentres na Galiza fica en 1.620, segundo un informe.
A vivenda de nova construción escasea na Galiza, mentres aumenta noutros puntos do Estado. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Un traballador na construción dunha vivenda. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O salario medio ordinario bruto na Galiza é de 1.620 euros ao mes, o que implica que é 26,2% inferior ás retribucións medias dos 27 países da Unión Europea, situada en 2.194 euros mensuais brutos. No Estado español, esta cifra é de 1.751 euros mensuais, 7,5% máis que a nivel galego.

Estes son datos recollidos no 'VIII Monitor Adecco sobre Salarios', elaborado por The Adecco Group Institute, que estima que en termos absolutos a diferenza entre o país e a media da UE é de 574 euros mensuais, isto é, 6.888 ao ano.

A pesar desta desvantaxe, segundo destaca Adecco, a Galiza fica, igual que o conxunto do Estado, nunha situación intermedia do espazo comunitario, xa que hai varios países cuxos salarios medios brutos son inferiores ao galego.

Pola contra, hai outros once con remuneracións maiores. A diferenza con Alemaña, por exemplo, alcanzou en 2021 os 1.383 euros ao mes —16.596 anuais—, isto é, 46% menos. Estes datos significan que un asalariado medio galego precisaría traballar 22 meses para ter un ingreso similar ao que ten un asalariado medio alemán nun ano.

A pesar diso, o nivel dos salarios do país supera os de 15 países da UE, chegando a triplicar o soldo medio en Bulgaria —562 euros ao mes— e duplicando o de Romanía —718—.

Aliás, a vantaxe aínda é notábel en comparación con Portugal, xa que a media das retribucións na Galiza supera en 46,5% a do país luso, con 1.106 euros ao mes —514 euros de diferenza mensual—.

Comentarios