O aluguer absorbe 30,59% do salario da cidadanía galega

O prezo do aluguer non deixa de subir na Galiza. Só nos últimos cinco anos incrementou en 22,18%, liderando en 2022 as alzas no conxunto do Estado. Os datos recentemente achegados polo INE sinalan que as familias galegas destinan 30,59% do seu salario a facer fronte ao custo do aluguer.
O aumento das vivendas turísticas tira para arriba dos prezos do aluguer. (Foto: Arxina)
photo_camera O aumento das vivendas turísticas tira para arriba dos prezos do aluguer. (Foto: Arxina)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer públicos os datos da Enquisa de Orzamentos Familiares referidos a 2021. O documento, elaborado após 24.000 entrevistas no conxunto do Estado permite coñecer o gasto en consumo dos fogares de residentes así como a distribución do mesmo entre as diferentes faixas de consumo.

Neste sentido, a súa información é considerada como imprescindíbel para as estimacións sobre o gasto en consumo dos fogares da Contabilidade Nacional e para a actualización de ponderacións do Índice de Prezos ao Consumo (IPC).

O custo do aluguer achégase ás cifras dos anos da burbulla inmobiliaria

A Enquisa de Orzamentos Familiares sinala que as galegas e galegos destinan 30,59% do seu salario ao pagamento do aluguer da vivenda. Nesta liña, o esforzo das familias galegas é inferior á das mallorquinas, andaluzas, madrileñas, catalás, valencianas ou vascas pero superior á das asturianas, rioxanas, navarras, castelás e leonesas, castelás-manchegas ou aragonesas. Asemade, nos últimos cincos anos a presión do aluguer sobre o conxunto dos ingresos medra de xeito exponencial na Galiza, moi influído polo aumento das denominadas vivendas de uso turístico.

A porcentaxe do salario destinado a sufragar o aluguer vaise achegando ás cifras dos anos da burbulla inmobiliaria. Por exemplo, o Instituto Galego de Estatística (IGE) recolle que en 2003 dedicábase a este concepto 31,6% dos salarios, en 2004, 32,7% e en 2005, 35,4%. Porén, preocupa máis o seu aumento nos últimos anos, pasando de 25,9% en 2018 ou 25,8% de 2019 a 30,59% da actualidade, que representa un salto de practicamente cinco puntos porcentuais neste período de tempo.

Alza do arrendamento e perda de poder adquisitivo

A presión do custo do aluguer sobre os salarios está asociada á alza do arredamento e á perda do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores. Sen ir máis lonxe, o Observatorio da Vivenda da Galiza, órgano dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda  certifica que, entre xullo de 2017 e xullo de 2022, o prezo do aluguer incrementou no país 22,18%. As cifras achegadas pola Xunta atópanse na liña doutros estudos independentes.

Así, o portal inmobiliario Idealista fixo público no mes de xuño un informe onde sinala que o prezo do aluguer das vivendas medrou no país 4,1% no último trimestre deste ano, até alcanzar  7,8 euros/m2.

Asemade, na taxa interanual, tomando como referencia o mesmo período de 2021, a suba alcanza 4,8%, representado ese rexistro o máis elevado desde xuño de 2008, no inicio da crise económica.

Subas históricas do prezo da vivenda en propiedade

O prezo da vivenda en propiedade na Galiza está tamén rexistrando alzas históricas nos tres últimos anos. A este respecto, o Índice de Prezos da Vivenda (IPV), publicado polo INE, rexistra, para o segundo trimestre deste ano, unha suba no país de 2,3 puntos respecto ao trimestre anterior. A maiores, estas cifras anotáronse tras un comportamento similar en 2021, sinalando o Consello Xeral do Notariado que a Galiza foi o territorio do Estado español no que máis creceu o prezo de compravenda da vivenda en relación co ano anterior, marcando unha suba de 19,5%.

O aumento do parque de vivendas turísticas está tirando para arriba dos prezos do aluguer. Mentres se reducen progresivamente os inmóbeis destinados ao aluguer residencial, na Galiza rexístranse 12.695 vivendas de uso turístico, 4.981 das cales emprázanse nas comarcas do noroeste, 1.673 en Lugo e A Mariña, 5.370 no suroeste e 671 na área de Ourense. Así, as vivendas de uso turístico incrementáronse desde a súa entrada en funcionamento en outubro de 2019 en 285%.

330.000 inmóbeis baleiros

A alza do prezo do aluguer contrasta co elevado número de inmóbeis baleiros no país. A este respecto, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) sinala que a Galiza suma 330.000 inmóbeis baleiros para un parque de 1,6 millóns de vivendas rexistradas, o que significa 20,6% do parque total e cinco puntos por riba da media estatal. A cifra máis elevada de vivendas desocupadas concéntrase nos núcleos de poboación de menos de 20.000 habitantes, coa área da Coruña acumulando 125.000 vivendas baleiras, a de Pontevedra, 85.000; a de Ourense 65.000, e a de Lugo, 55.000.

Aliás, 2.735 dos 330.000 inmóbeis baleiros existentes na Galiza son de titularidade estatal. Concretamente o seu propietario é a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), localizándose a parte máis significada en Vigo e A Coruña.

A vivenda protexida

A porcentaxe de vivenda pública en aluguer no Estado é de 24% mentres que na Galiza esta porcentaxe cae por baixo do 4%. Así pois, a taxa de vivenda de protección destinada a aluguer a nivel estatal é seis veces maior que na Galiza, construíndose no país só 1,5 das mesmas.

Comentarios